A Xunta convoca para o vindeiro mes de maio os actos expropiatorios para executar a Torre Polivalente do hospital público da Coruña, o novo CHUAC

Os actos para o levantamento de actas previas e de formalización das actas de ocupación levarase a cabo conxuntamente o día 22 de maio ás 10,30 horas

A Torre Polivalente será o centro desde o que se administre o complexo hospitalario e funcionará como nexo entre as novas edificacións e o hospital actual a través dunha pasarela elevada, erixíndose na primeira peza do Novo CHUAC

Ocupará 4.500 m² en planta rectangular e terá 13.700 m² de superficie construída, que se distribuirán en 16 andares, 4 deles baixo rasante, acollendo a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o Hotel de doentes, con 14 habitacións

A redacción do proxecto da Torre Polivalente adiantouse ao resto de espazos do Novo CHUAC, polo que e a previsión é licitar en xuño as obras, cun prazo de 12 meses

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023 A Xunta publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria, para o vindeiro mes de maio, dos actos expropiatorios dos terreos necesarios para executar a Torre Polivalente do hospital público da Coruña, que será unha das primeiras obras visibles que conformará o Novo CHUAC. 

A execución desta infraestrutura, que se adiantará ao resto do edificio hospitalario, suporá un investimento autonómico de 37,2 M€, no que se inclúe o pagamento dunha porción de terreo colindante coa parcela onde se levará a cabo a actuación, que é precisa para a demolición do actual Hospital de Pacientes e para a execución dun novo, dentro do ámbito do futuro Complexo Hospitalario. 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación e o de formalización das actas de ocupación levarase a cabo conxuntamente o día 22 de maio, ás 10,30 horas no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, na Coruña.  

A Torre Polivalente é a primeira fase do futuro Hospital Público da Coruña, de modo que a intervención dea como resultado un novo hospital, que integre o que se vai construír co que xa existe, funcionando todo como un conxunto.  

O novo edificio terá 13.700 m2 e 16 plantas de altura, 4 delas baixo rasante, destinadas a usos sanitarios polivalentes, hotel de pacientes e áreas administrativas que se conectarán mediante unha pasarela co hospital existente. 

A redacción do proxecto da Torre Polivalente adiantouse ao resto de espazos do Novo CHUAC, polo que e a previsión é licitar en xuño as obras, cun prazo de execución de 12 meses.  

A Torre Polivalente será a primeira peza do Novo Hospital Público da Coruña e construirase na parcela sen edificar que está situada ao carón do actual complexo hospitalario, desde o que se administrará todo o hospital e servirá de nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.  

Coa publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia dáse cumprimento os trámites precisos para materializar a expropiación da parcela de 119 m² do aparcadoiro privado existente nas inmediacións e poder executar a Torre Polivalente, que albergará a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o hotel de doentes, con 14 habitacións. 

O anel viario que circundará o novo hospital, permitindo os múltiples accesos e conectar coa trama de rúas locais que converxen no hospital, obriga a demoler o actual hotel de doentes, cuxo proxecto está redactándose, e resulta necesario dispoñer un novo espazo para albergar os seus usos. 

A execución desta Torre Polivalente, que se constrúe ao abeiro PXOM da Coruña, sobre terreos dotacionais públicos, disporá de 2 accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do hotel de doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.

A execución da Torre Polivalente seguirá un sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades e cambios organizativos; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; empregando materiais de proximidade e reciclables; e buscando tamén a máxima funcionalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023