A delegación da Xunta acolle a presentación da XXVIII mostra de viños da Ribeira Sacra de Pantón, que se celebra os días 13 e 14 de maio

Será a segunda edición coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia e contará coa participación de nove adegas, unha máis que o ano pasado

Lugo, 26 de abril de 2023

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da 28ª Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que terá lugar a fin de semana do 13 e o 14 de maio. Nesta ocasión participarán nove adegas, unha máis que o ano pasado.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, acompañado do alcalde de Pantón, José Luis Álvarez -e doutros representantes da organización- participou na presentación da feira, a segunda que se celebra como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha declaración que obtivo en 2022.

A degustación de caldos irá acompañada de actuacións musicais durante as dúas xornadas e doutras actividades como a entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra - Viticultura Heroica. Ademais, o sábado terá lugar a VI Romaría da Empanada, na que se poderá desfrutar deste produto típico no recinto feiral.

Arias salientou que a festa de Pantón “enxalza ante milleiros de persoas a excelencia dos viños da Ribeira Sacra, froito do esforzo realizado polos colleiteiros e adegueiros desta denominación de orixe”. Así mesmo, “constitúe unha ocasión inmellorable para visitar a zona e desfrutar dos seus excepcionais recursos vinculados ao mundo do viño, como a paisaxe e a gastronomía”, engadiu.

Data de actualización: 26/04/2023