A Xunta recibe 6 ofertas de empresas para executar o tramo do eixe de mobilidade sostible da cidade de Ourense na avenida das Caldas, desde a intermodal ata a ponte romana

As obras do acondicionamento da avenida das Caldas, licitadas por 1,4 M€, prevén iniciarse a finais do verán para telas rematadas a finais do 2024

Permitirán a humanización integral da avenida para convertela en porta de entrada á cidade, mellorando a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide coa Vía da Prata

É a primeira intervención das proxectadas para a conformación do itinerario que conectará os principais equipamentos da cidade, de norte a sur, a través de 5,1 km de sendas

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023 A Xunta recibiu un total de 6 ofertas de empresas para executar as obras do treito da senda que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas, no concello de Ourense. 

Esta actuación de acondicionamento da avenida das Caldas, cuxas obras foron licitadas por 1,4M€, é a primeira intervención do proxecto para a conformación do itinerario que conectará os principais equipamentos da cidade, de norte a sur, a través de 5,1 km de sendas.  

A previsión é comezar a finais do verán os traballos na avenida da Caldas para telos rematados a finais de 2024.  

En concreto, as obras da senda entre a intermodal e a Ponte Romana suporán acometer a humanización integral da avenida das Caldas, para convertela en porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así, mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño. 

Actuarase ao longo de 600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.  

Tamén se ampliarán e se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a que coincide co Camiño de Santiago.

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.

Data de actualización: 26/04/2023