Martina Aneiros avanza á AVV San Xoán Bertón a próxima visita de técnicos da Consellería á parcela proposta para construír o centro de saúde

Ferrol, 26 de abril de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da asociación de veciños San Xoán-Bertón, Andrés Medín, para abordar algúns asuntos de interese para o barrio. Entre outros temas, o representante veciñal interesouse polo estado de tramitación no que se atopa o proxecto de construción do novo centro de saúde do barrio.

A este respecto, a delegada territorial informou de que nos próximos días, técnicos da Consellería de Sanidade achegaranse a verificar a parcela proposta polos veciños e asumida recentemente polo Concello de Ferrol, contrario ata o de agora a esta localización. A inspección do persoal da Xunta ten como obxecto comprobar que a finca cumpre coas características necesarias para o emprazamento do novo centro de saúde incluído no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria da consellería.

De tratarse dunha parcela válida para a execución do proxecto, iniciaríanse os trámites dun protocolo de colaboración no que o Concello se comprometa á súa adquisición e posterior cesión á Xunta, mentres que o Servizo Galego de Saúde asumiría a construción nesa parcela da infraestrutura proxectada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023