A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora da depuradora da Corredoira, no Concello de Lalín

O contrato, cun prazo de execución de 10 meses, foi adxudicado por un importe de máis de 150.000 €

Trátase de modernizar e optimizar o funcionamento da estación de tratamento de augas residuais tras 20 anos de funcionamento e garantir os obxectivos de vertido
 

Avaliaranse as diferentes posibilidades de ampliación e mellora da depuradora, así como de construción dunha nova infraestrutura hidráulica

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo de mellora da depuradora da Corredoira, no concello de Lalín.

O contrato, cun prazo de execución de 10 meses, foi adxudicado á UTE-Novotec Consultores, SA & Serye Ingenieros, SL por importe de máis de 150.000 euros.

O obxectivo é modernizar e optimizar o funcionamento da depuradora municipal tras máis de 20 anos de funcionamento. As actuacións teñen como fin acadar a mellor solución para o tratamento das augas residuais do núcleo urbano, considerando tanto as posibilidades de ampliación e mellora da depuradora existente, como as de construción dunha nova infraestrutura hidráulica.

Tras realizar os traballos previos, nos que se inclúen a poboación de deseño, as cargas contaminantes e os caudais, o adxudicatario deberá propoñer solucións tecnolóxica para a ampliación e mellora da actual planta de tratamento de augas residuais ou para a construción dunha nova instalación, que garanta o cumprimento do obxectivo de vertido.

No caso de que se propoña a construción dunha nova depuradora, deberán ser analizadas as diferentes tipoloxías posibles, así como os emprazamentos factibles, considerando os múltiples condicionantes que lle afectan.

O adxudicatario deberá analizar as liñas de tratamento previstas e realizar estudos de inundabilidade na contorna da actuación próxima aos cursos fluviais, para determinar as zonas de fluxo preferente e de dominio público hidráulico, co obxecto de garantir a autorización da localización da depuradora e dos novos colectores que sexan precisos.

Este contrato cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O contrato forma parte das distintas actuacións propostas no Plan Director de saneamento do núcleo urbano de Lalín, elaborado por Augas de Galicia. Agora mesmo están en execución os traballos de mellora do saneamento do núcleo urbano para aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e executar un tanque de tormentas que mellore o funcionamento en tempo de chuvias e evitar vertidos.

Data de actualización: 26/04/2023