A Xunta forma o persoal das administracións para incrementar a seguridade dos sistemas informáticos

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organizan, en colaboración co Centro Criptolóxico Nacional, un curso superior en ciberseguridade

As 70 persoas que participan nesta edición, procedentes das administracións autonómica, local e das universidades, súmanse ás 100 que recibiron a formación nas dúas anteriores

Galicia rexistrou en 2022 case 19.000 estafas informáticas, o que representou un de cada cinco delitos penais cometidos na nosa Comunidade

Santiago de Compostela 25 de abril de 2023 Un total de 70 persoas empregadas públicas nas administracións autonómica e locais e nas universidades de Galicia, participan dende hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na terceira edición do curso superior de ciberseguridade.

O curso foi inaugurado este serán pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o xefe da Área de Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), Pablo López; e o director do curso, Gustavo Herva.

O programa formativo, de 99 horas lectivas, está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co CCN e a EGAP. Como xa sucedera en edicións anteriores, a demanda de inscricións foi moi superior ao número de prazas ofertadas.

Neste sentido, Julián Cerviño destacou o alto grao de satisfacción amosado polas persoas que participaron nas edicións anteriores, que avaliaron as clases telepresenciais cun 4,62 sobre 5. O director da axencia autonómica destacou que os contidos do curso están aliñados coas necesidades actuais no ámbito da ciberseguridade en Galicia, en España e en Europa.

Pola súa banda, a directora da EGAP destacou a importancia da formación no eido dixital para o persoal público, xa que a pesar de que existen medidas de protección fronte ás ameazas cada día xorden novas vulnerabilidades que supoñen importantes retos de seguridade.

Ademais, a directora da Escola lembrou a necesidade de ofrecer unha formación específica ao persoal empregado público que realice funcións TIC ante a extensión da administración electrónica e o incremento dos ataques informáticos.

O curso proporcionará ás persoas empregadas públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso, ao tempo que ofrece unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

Os últimos datos indican que do total de infraccións penais rexistradas ao longo de 2022, o 20 % foron estafas a través de medios telemáticos. Esta porcentaxe representa unha cifra da case 19.000 delitos deste tipo.

Estratexia de colaboración

Galicia ten en marcha dende decembro de 2021 un proxecto para a mellora da ciberseguridade en administración local e cidadanía, en colaboración coas deputación e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Esta iniciativa ofrece á administración local un completo catálogo de servizos de ciberseguridade e apóiase tamén na implantación das ferramentas do CCN. Ademais das catro deputacións, participan a práctica totalidade dos concellos de máis de 20.000 habitantes.

No ámbito da cidadanía realízanse actividades de formación e concienciación, entre as que destaca o programa “Identidade dixital e xestión segura das redes sociais”, que este curso chegará a máis de 3.000 alumnos de 130 centros educativos. Desenvólvense tamén sesións sobre ciberseguridade para persoas maiores en aulas CeMIT de 17 concellos. A finais de 2022 púxose en marcha o portal web ciberseguridadegalicia.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2023