A Xunta preside en Rabat a Asamblea euro-mediterránea de institucións locais e rexionais

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, liderou a representación da Unión Europea que debateu cos seus homólogos mediterráneos asuntos comúns como a migración ou o cambio climático

Rabat (Marrocos), 25 de abril de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, co presidiu a Asemblea Rexional e Local Euro-Mediterránea (Arlem) como representante do Comité Europeo das Rexións. Arlem, o foro de diálogo entre representantes locais e rexionais da Unión Europea cos seus homólogos de Estados mediterráneos extracomunitarios, africanos e asiáticos, busca profundar na cooperación entre toda a área mediterránea en múltiple eidos.

 

No  foro Arlem debateuse sobre os movementos migratorios e o cambio climático, así como os desafíos comúns da rexión. Os intercambios de experiencias e boas prácticas centráronse, principalmente, en materia de mobilidade urbana sostible para facer cidades máis resilientes e cunha maior capacidade de resposta de protección civil. Neste xeito, grande parte do debate tivo como exemplo os terremotos do pasado mes de febreiro en Turquía e Siria.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou a resposta solidaria de Galicia fronte ós terremotos, lembrando que situacións así “deben ser un momento de reflexión sobre os plans de resposta fronte a emerxencias”. Gamallo lembrou que a rexión mediterránea e do sur de Europa é moi vulnerable aos efectos do cambio climático, polo que hai que apostar por solucións conxuntas fronte a problemas comúns.

 

Asemblea Rexional e Local Euro-Mediterránea

A Asemblea Rexional e Local Euro-mediterránea (Arlem) é un foro que achega a representantes locais e rexionais da Unión Europea cos seus homólogos de Estados da rexión mediterránea, promovendo a estabilidade, crecemento económico e entendemento cultural. O Comité Europeo das Rexións conta cun rol de co presidencia deste órgano. Arlem, ademais, informa do traballo da UE polo Mediterráneo

Data de actualización: 25/04/2023