A Xunta participará no proxecto europeo PRAISE-U co obxectivo de optimizar a detección precoz do cancro de próstata

O principal obxectivo do programa é deseñar un algoritmo de detección temperá para reducir a morbilidade e a mortalidade que derivan da enfermidade, así como estimular a posta en marcha de programas de detección precoz nos Estados membro

A Dirección Xeral de Saúde Pública participará nun proxecto que terá unha duración de tres anos, e no que participarán un total de 25 institucións, pertencentes a 12 países

O cancro de próstata é unha das patoloxías con maior mortalidade entre os homes en Europa, sendo o cancro masculino máis frecuente no continente, cunha media anual de diagnoses próxima ás 450.000
 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, participará, durante os vindeiros tres anos, no proxecto europeo PRAISE-U (Prostate cancer Awareness and Initiative for Screening in the European Union), que ten por obxectivo avanzar na detección temperá do cancro de próstata, para reducir a morbilidade e a mortalidade que derivan desta enfermidade.

Integrado no programa EU4Health, o proxecto contará coa participación dun equipo multidisciplinar composto por médicos e investigadores de 25 institucións, pertencentes a 12 países membros. Así, entre os obxectivos principais do consorcio atópanse o deseñar un algoritmo de detección temperá rendible e personalizado para a detección deste tipo de cancro na Unión Europea, ademais de estimular a implementación de programas de detección precoz nos Estados membro.

Nesta liña, o conxugar os protocolos e as directrices empregadas polos diferente países participantes permitirá recompilar e a analizar os seus datos máis relevantes, unhas achegas que contribuirán a evitar casos de sobrediagnóstico e sobretratamento.

Desde a Consellería de Sanidade, Galicia terá un papel protagonista no apartado vencellado á posta en marcha dun programa que pilotará a aplicación dun dos algoritmos deseñados no proxecto para o cribado de cancro de próstata.

Nas últimas décadas, diferentes estudos demostraron que a realización reiterada de exames de detección contribúen dun xeito significativo a atallar o desenvolvemento desta enfermidade. O atraso no diagnóstico pode conducir a taxas máis altas de metástase, un estado da enfermidade que coincide cunha alta taxa de mortalidade, así como cun impacto negativo prolongado na calidade de vida dos pacientes.

O cancro de próstata é unha das patoloxías con maior mortalidade entre os homes do norte e o oeste de Europa, sendo o cancro masculino máis frecuente no continente, cunha media anual de diagnoses próxima ás 450.000.

PRAISE-U, un proxecto europeo multidesciplinar

O proxecto PRAISE-U será levado a cabo por un consorcio integrado por expertos académicos, profesionais da saúde, científicos, economistas e asociacións de pacientes de diferentes países membro.

Así, fica estruturado de acordo a seis eixos de traballo. Nomeadamente, as catro liñas principais de traballo están deseñadas para recompilar coñecemento; desenvolver protocolos para os programas de detección; realizar pilotaxes cos protocolos desenvolvidos e, finalmente, avaliar os resultados obtidos.

Ademais, conta con outros dous apartados xerais, destinados a proporcionar un marco para todo o proxecto, e que inclúen as tarefas de coordinación e difusión dos resultados. Cada unha destas liñas de traballo basearase na anterior, e, en conxunto, contribuirán ao obxectivo final de desenvolver unha estratexia que reduza a morbilidade e a mortalidade por cancro de próstata, ademais de minimizar o seu sobrediagnóstico.

Data de actualización: 25/04/2023