Comesaña dá a benvida aos 31 novos investigadores que se incorporan ao Sergas

O Servizo Galego de Saúde conta cun total de 151 Investigadores, que se foron incorporando ao longo dos últimos anos

Para o departamento sanitario galego, os programas de impulso á investigación fortalecen o compromiso de incrementar o sistema de I+D+i en saúde galega

Todos estes profesionais, ademais de supoñer unha fonte de inxección en captación de talento, posibilitan o fortalecemento das liñas de investigación potentes e de gran proxección nas que se incorporan

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu hoxe a benvida aos 31 profesionais investigadores que se incorporan ao Sergas, no marco dos Programas de axudas de impulso á investigación auspiciados polo Instituto de Saúde Carlos III, cuxo propósito é a atracción do talento co fin de favorecer a captación e formación de capital humano investigador e a súa mobilidade, así como promover a calidade e a competitividade do persoal investigador.

No acto, que tivo lugar no día internacional do ADN, ademais do Sergas e da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), participaron os Institutos de Investigación Sanitaria e as Fundacións Sanitarias que conforman o ecosistema galego de coñecemento en saúde, e, ao mesmo, tamén asistiron, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña; e o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa.

Para o departamento sanitario galego, estes programas fortalecen o compromiso de incrementar o sistema de I+D+i en saúde galega, ao tempo que son un impulso á internacionalización, fomentan a mobilidade de investigadores e supoñen unha atracción de novos valores investigadores.

Para o Sergas, -remarcou o conselleiro-, “é moi importante manter un alto nivel de investigación, pero tamén é igual de importante a docencia e a formación”. Deste xeito, contribúese a mellorar o nivel da asistencia sanitaria que se presta á cidadanía.

Contar con vós, -díxolles Comesaña aos novos investigadores-, “é fundamental para poder manter os niveis de calidade asistencial dos que nos sentimos orgullosos”.

O responsable da carteira sanitaria destacou o Portal da investigación en saúde de Galicia, ferramenta que constitúe un espazo de comunicación ao servizo dos profesionais sanitarios e a cidadanía, “e permite recompilar e presentar a produción científica e de transferencia do conxunto dos resultados da investigación desenvolta polo persoal investigador en saúde na nosa Comunidade”.

Máis de 150 investigadores

Esta recepción de hoxe, ten como obxectivo fundamental establecer un foro de encontro para dar a benvida aos novos investigadores que se incorporaron neste ano ao Sistema Galego de Investigación en Saúde, así como potenciar a súa visibilidade e servir de estímulo para a súa actividade investigadora.

O departamento sanitario galego conta cun total de 151 Investigadores, que se foron incorporando ao longo dos últimos anos, dos que 84 están consolidados e intensificados, e 67 desenvolven a súa actividade en varias convocatorias (Juan Rodés, Miguel Servet, Río Hortega, Sara Borrell). Para o Sergas, todos estes profesionais non só supoñen unha fonte de inxección en captación de talento, senón, tamén, de fortalecemento das liñas de investigación potentes e de gran proxección nas que se incorporan. 

No acto participaron, tamén, tres investigadores cunha dilatada traxectoria investigadora, Joaquín Cubiella Fernández, Ana Belén Crujeiras Martínez, e Alexandre de la Fuente González, que trasladaron a experiencia persoal da súa viaxe pola carreira científica.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2023