Martina Aneiros reúnese co presidente da cooperativa Campo Capela para coñecer as súas liñas de negocio e os retos que afronta

Mugardos (A Coruña), 24 de abril de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta mañá co presidente da cooperativa Campo Capela, Domingo Souto, coa fin de coñecer as principais liñas de negocio desta empresa social, dedicada principalmente ao sector lácteo, así como os retos que afronta na súa explotación localizada en Mugardos.

A cooperativa Campo Capela, con máis de 200 socios, reúne actualmente a máis dunha vintena de pequenos produtores de leite. Ademais do requeixo, o produto estrela do selo Campo Capela, nesta cooperativa prodúcese queixo fresco, tenro, semicurado e curado, así como nata e manteiga. Tamén conta cun produto certificado baixo a denominación de orixe protexida (DOP) Queixo Tetilla.

Ademais da liña de negocio vencellada ao sector lácteo, a cooperativa Campo Capela comercializa pensos, sementes e artigos de horta, abonos e produtos de ferraxaría.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023