O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse coa comunidade de montes veciñais e con varios gandeiros da zona

A Xunta avanza na implantación dun pasteiro no monte Cabadas, en Cartelle, para impulsar o aumento da base territorial das explotacións e a anticipación aos incendios

José Balseiros e os veciños visitaron a zona na que se prevé a creación deste pasto de preto de 20 hectáreas

Con esta actuación búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais de cara á prevención dos lumes forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial

O Plan de pastos do Goberno galego -que se atopa na súa terceira fase de execución- prevé implantar ata 2.250 hectáreas de pasteiros en toda a comunidade

Cartelle (Ourense), 24 de abril de 2023 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, vén de reunirse co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, e con representantes do monte veciñal en man común de Cabadas, no que se prevé instaurar un pasteiro de preto de 20 hectáreas. Así, en compañía tamén de gandeiros que se beneficiarán da iniciativa, estiveron visitando a zona na que se traballará no marco do Plan de pastos da Xunta.

Deste xeito, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Neste caso concreto, os gandeiros beneficiados contan con máis dunha trintena de exemplares da raza autóctona bovina Frieiresa, á que lle buscan dar un maior impulso con esta iniciativa.

Cómpre lembrar que o Plan de pastos -que se atopa na súa terceira fase de execución- prevé actuar nunha superficie total de 2.250 hectáreas en toda Galicia. Así, as dúas primeiras fases xa están rematadas con actuacións en arredor de 1.200 hectáreas de terreo. No caso da provincia de Ourense, executáronse pastos en 15 concellos que supuxeron o acondicionamento de 355 hectáreas nesta provincia.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023