A Xunta incorpora ao Catálogo galego de árbores senlleiras unha criptomeria xaponesa e uns alciprestes de Portugal, no concello de Mondariz-Balneario

Belén do Campo explica que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa inclusión de ambos exemplares, os primeiros que se declaran neste municipio
 

Con estas últimas incorporacións, o catálogo suma xa no conxunto da Comunidade 186 elementos, entre árbores e formacións, pertencentes a 82 especies diferentes
 

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 24 de abril de 2023

A Xunta acaba de incorporar ao Catálogo galego de árbores senlleiras unha Criptomeria xaponesa e uns Alciprestes de Portugal, localizados en ambos casos no concello pontevedrés de Mondariz-Balneario.

A resolución en virtude da cal se inclúen ambos elementos no catálogo foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, tal e como explicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa visita ao Xardín Histórico de Mondariz-Balneario, onde puido coñecer os novos exemplares senlleiros e indicou que son os primeiros que acadan tal consideración no municipio pontevedrés tras a solicitude promovida polo Goberno local.

Acompañada polo rexedor, José Antonio Lorenzo, do Campo explicou que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, esta ferramenta pública e de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso dos últimos elementos declarados tras recibir o informe favorable do Comité galego de árbores senlleiras.

Neste sentido, no catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

No caso dos dous elementos catalogados en Mondariz-Balneario —as primeiras incorporacións aprobadas pola Xunta no que vai de 2023—, a directora xeral explicou que para consideralos árbores senlleiras se tivo en conta tanto a súa significación histórica e cultural como tamén os valores estéticos e paisaxísticos que atesouran.

Así, a Criptomeria xaponesa conta con 27,8 metros de altura, 3,60 metros de perímetro e proxección de copa de 5 metros. Localizada xunto ao palco da música do Xardín Histórico do municipio, esta árbore aparece xa rexistrada na documentación fotográfica máis antiga do balneario polo que se trataría dun dos poucos exemplares que perduran hoxe en día desde os momentos iniciais do xardín —datado entre 1873, ano de creación do balneario, e 1900—.

Polo que respecta aos Alciprestes de Portugal, trátanse de dous exemplares senlleiros que medraron xuntos, con menos de tres metros de distancia entre eles. Cunha altura de 20 e 23 metros e 2,80 e 2,14 metros de perímetro, respectivamente, teñen as súas copas entrelazadas e constitúen unha testemuña viva da introdución e uso das coníferas nos espazos axardinados de Galicia, cara ao último terzo do século XIX.

Na actualidade e tras as 2 novas incorporacións publicadas hoxe, o Catálogo galego de árbores senlleiras suma xa un total de 186 elementos (147 exemplares e 39 formacións arbóreas) pertencentes a 82 especies diferentes e coa seguinte distribución:

PROVINCIA
ÁRBORES
FORMACIÓNS
TOTAL
A Coruña
41
13
54
Lugo
35
6
41
Ourense
20
6
26
Pontevedra
51
14
65
Galicia
147
39
186
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023