O presidente da Xunta visitou as instalacións da Casa Grande de Xanceda

Rueda resalta o labor das empresas comprometidas cun modelo de produción sostible e co respecto á contorna como motor da economía e o desenvolvemento do rural

Subliña a contribución desta industria láctea a facer “marca Galicia” e a súa aposta pola sustentabilidade nas súas instalacións

Destaca que a explotación, que conta cun selo oficial de produción ecolóxica, conta coa declaración de proxecto de interese autonómico para a ampliación das súas instalacións
 

Mesía (A Coruña), 24 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o labor das empresas comprometidas cun modelo de produción sostible e co respecto ao medio ambiente como motor da economía e o desenvolvemento do rural. Durante unha visita ás instalacións da Casa Grande de Xanceda en Mesía (A Coruña), o titular do Goberno galego agradeceu a contribución desta empresa a facer “marca Galicia” desde o rural. 

Rueda resaltou que esta empresa láctea, referente na produción ecolóxica en toda España, é un exemplo do camiño a seguir polo tecido industrial na súa aposta por un modelo de produción máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Neste liña, o presidente resaltou que Casa Grande de Xanceda non só aposta pola sustentabilidade nas súas instalacións senón que fomenta este modelo de vida promovendo actividades educativas e ambientais. “Conta cun selo de calidade que aporta o valor engadido das cousas boas que se fan en Galicia, con mimo e confianza”, indicou o mandatario autonómico. 

O titular do Goberno galego lembrou o apoio da Xunta ás empresas que dinamizan o rural e avanzou que a ampliación das instalacións prevista pola compañía conta coa declaración de proxecto de interese autonómico. 

Esta industria láctea é a responsable de xestionar o primeiro Espazo privado de Interese Natural da provincia da Coruña. Trátase das Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro que se sitúan na contorna da granxa e nas que a empresa leva a cabo actuacións para garantir a biodiversidade dos ecosistemas, mellorar a paisaxe ou conservar a fauna e flora. Unha protección do espazo natural máis próximo que repercute e enriquece á principal actividade da empresa: a produción láctea ecolóxica. 

A explotación gandeira conta cun selo de produción de leite en ecolóxico, un sistema de certificación oficial da UE que ampara o pastoreo, o benestar animal e a sustentabilidade de todo o proceso de produción.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023