A Xunta agradece aos pediatras de Atención Primaria o seu labor de difusión do novo calendario vacinal

A difusión ás familias da introdución de novas vacinas contra a meninxite, o virus do papiloma humano ou a gripe, permite acadar altas taxas de cobertura entre a poboación infantil

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023 A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, destacou hoxe que Galicia é unha das comunidades cun calendario de vacinación infantil máis completo, con novidades como a vacina fronte ao virus do papiloma humano nos varóns; a vacina fronte ao meningococo B; e, de xeito pioneiro, a vacina antigripal para a cativada de 6 a 59 meses.

Segundo remarcou a xerente na inauguración da XVI Reunión anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, “este calendario está a ter altas taxas de cobertura grazas á implicación dos pediatras do primeiro nivel asistencial na súa divulgación”, por iso pediulles o seu apoio para promover as novas inmunizacións que a Xunta aprobou para este calendario, que son a do rotavirus e a do virus respiratorio sincitial.

Referíndose ao cambio de modelo na atención primaria, a xerente indicou que os profesionais son unha parte fundamental, “pois sodes os que mellor coñecedes as necesidades dos nosos pacientes”.

Xunto ao anterior, Estrella López-Pardo incidiu na aprobación do recente acordo sindical de ofertar contratos de tres anos a todos os residentes de pediatría que decidan exercer no primeiro nivel asistencial ao rematar a súa formación e, tamén, a posibilidade de acceder á oferta de prazas fixas por concurso de méritos, que se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia, para incentivar as que son de difícil cobertura.

Data de actualización: 22/04/2023