A Xunta inicia a campaña Subliña o bo trato, risca o maltrato en centros educativos galegos

Realizarase unha acción formativa en oito institutos e 500 alumnos coa finalidade de impulsar e achegar ferramentas útiles para que a mocidade se relacione de maneira igualitaria, sen discriminación nin violencias

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

A Xunta de Galicia comezará o 25 de abril coa campaña Subliña o bo trato, risca o maltrato en varios institutos de Galicia para promover e achegar ferramentas útiles, que doten á mocidade dos recursos precisos para relacionarse dunha maneira igualitaria, libre de todo tipo de discriminación e violencias.

Nesta campaña, que se levará a cabo en oito institutos galegos e chegará a 500 alumnos, realizarase unha acción formativa e impulsaranse estratexias de responsabilidade afectiva e o coidado dos vínculos. A formación, impartida polo servizo de Quérote + da Consellería de Política Social e Xuventude, realizase no marco dos obradoiros sobre relacións afectivo-sexuais que se levan a cabo nos institutos.

Traballarase coa mocidade para recoñecer e respectar as diferenzas dos demais, para comunicar de forma asertiva o que senten, para querer en igualdade ou para usar contornos virtuais de xeito coidadoso e con responsabilidade afectiva. Cómpre sinalar que esta campaña está enmarcada nas estratexias do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, punto de inflexión na actuación dos poderes públicos para a erradicación da violencia de xénero en todas as súas formas.

Quérote +

Os centros Quérote+ son un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal. Está composto por un equipo especializado de profesionais da psicoloxía, da educación social e o traballo social para axudar no ámbito afectivo-sexual, na prevención do consumo de drogas, no uso das TIC ou no reforzo da autestima, entre outros. En xeral en todos aqueles asuntos nos que os mozos precisen dun apoio psicosocial.

Hai cinco centros Quérote + habilitados nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo para atender á mocidade e, ademais, os profesionais achéganse aos centros educativos, concellos e asociacións para impartir formación e charlas en diferentes eidos. Cómpre lembrar que o servizo de consulta pode ser presencial, telefónico, on-line, por videochamada e por mensaxería instánea o 647 018 752.

Data de actualización: 23/04/2023