A Xunta declara a firmeza do acordo da concentración parcelaria de Saiar, en Caldas de Reis

Desta forma, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso


O perímetro abarca unha superficie de 947 hectáreas, quedando reducidas as 13.426 parcelas achegadas a 2.480 predios de substitución
 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de declarar a firmeza da zona de concentración parcelaria de Saiar, no concello pontevedrés de Caldas de Reis. Desta forma, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega de títulos de propiedade

 

O perímetro da zona de Saiar abarca unha superficie de 947 hectáreas, distribuídas en 13.426 parcelas achegadas ao proceso por un total de 1.033 propietarios, resultando un total de 2.480 leiras de substitución cunha superficie media por leira de 3.369 m2 fronte aos 705m2 de superficie media das parcelas achegadas.

 

No concello de Caldas de Reis, ademais da zona de Saiar, está a desenvolverse o proceso de concentración parcelaria na zona de Godos, que se atopa en fase de acordo. A estes hai que engadir a zona de Bemil, recentemente decretada para ordenar unhas 1.233 hectáreas. A superficie total dos tres procesos de reestruturación parcelaria alcanza as 2.568 hectáreas.

Data de actualización: 23/04/2023