A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na entrega de premios do concurso anual que organiza a entidade

A Xunta salienta a implicación da Asociación de pescadores da Ulloa no coidado do medio ambiente coa súa aposta pola pesca sostible

Ángeles Vázquez anima os membros desta Asociación a continuar impulsando actuacións que van en beneficio de todos como a vixilancia nos tramos de pesca fluvial ou a posta en marcha de actividades divulgativas e formativas

Monterroso (Lugo), 22 de abril de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a implicación da Asociación de pescadores da Ulloa no coidado do medio ambiente coa súa aposta pola pesca sostible. 

Logo de participar na entrega de premios do concurso anual que organiza a entidade, Ángeles Vázquez  puxo en valor o papel dos pescadores na conservación e mellora dos nosos ríos xa que “se hai persoas interesadas na conservación e mellora do medio ambiente son, precisamente, as que desfrutan do mesmo”. 

A conselleira sinalou que a da Ulloa é unha das sociedades de pesca con maior número de socios da provincia de Lugo, o que a converte nun referente en todas aquelas iniciativas que se levan a cabo para acadar os obxectivos de fomentar unha actividade respectuosa co medio ambiente e acadar a remuda xeracional na pesca de río. 

Así mesmo, Ángeles Vázquez animou os membros desta Asociación a seguir desfrutando desta actividade e continuar impulsando actuacións que van en beneficio de todos como, por exemplo, a vixilancia nos tramos de pesca fluvial ou a posta en marcha de actividades divulgativas e formativas.

Para concluír, a conselleira subliñou a importancia de seguir coidando e conservando os nosos ríos e o noso patrimonio natural porque é un tesouro de valor incalculable que debemos transmitir nas mellores condicións posibles ás xeracións futuras.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2023