A Xunta destaca os rexistros e os sistemas de información como claves para seguir orientando o futuro da estatística galega

O conselleiro de Facenda e Administración Pública interveu, este mediodía, no Pleno do Consello Galego de Estatística

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe os rexistros e os sistemas de información como claves para seguir orientando o futuro da estatística galega. 

Durante o Pleno do Consello Galego de Estatística, Corgos incidiu deste xeito na necesidade de incorporar plenamente os rexistros de orixe administrativa e garantir que estean á disposición do sistema estatístico para, entre outros aspectos, mellorar as previsións para deseñar e avaliar políticas públicas, dispor de datos cara a afrontar retos como os medioambientais, ou facer estimacións en tempo real. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou tamén a importancia de favorecer a investigación científica e de explorar as posibilidades respectuosas co segredo estatístico, que faciliten o acceso dos investigadores aos datos.

Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo dos membros do Consello Galego de Estatística de cara a elaboración dunha nova lei de estatística que regule con máis precisión o segredo estatístico e reforce o papel do Instituto Galego de Estatística (IGE) no acceso aos rexistros, para integralos en bases de datos e aumentar os estándares de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023