O Sergas publica a baremación provisional do persoal de enfermería que participa no proceso de concurso de méritos

Publícase a baremación provisional da categoría de enfermeiro e a relación provisional de admitidos/excluídos en todas as categorías convocadas no proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos

Resultan admitidas provisionalmente, no proceso de estabilización por concurso de méritos, 11.112 persoas

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se declaran con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso na categoría de enfermeiro.  

A resolución de convocatoria deste proceso realizouse o pasado mes de xaneiro, rematando o prazo para presentarse a este proceso o 16 de febreiro, procedendo a Administración sanitaria a publicar, no mes de marzo, os aspirantes admitidos. Tras os traballos do tribunal nomeado neste proceso, realízase, no día de hoxe, a publicación da baremación dos 2.768 admitidos no prazo de dous meses desde que se publicaron os aspirantes admitidos. Neste proceso convocáronse 459 prazas das que 32 corresponden á quenda de discapacidade. 

Os aspirantes poden consultar as puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) abríndose un prazo de dez días hábiles, ata o 8 de maio, para formular reclamación contra os resultados da baremación provisional.  

Asi mesmo, no día de hoxe, dentro do proceso de estabilización, tamén se publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se aproban as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en 95 categorías de persoal estatutario e tres clases de persoal sanitario da Lei 17/1989. O pasado mes marzo publicáronse as listas provisionais nas categorías de enfermeiro e médico de familia, sumando un total de 100 categorías convocadas por concurso de méritos.

Coa publicación realizada hoxe, remata a publicación de admitidos e excluídos nos concursos de méritos convocados o 4 de xaneiro deste ano. O prazo para inscribirse neste proceso selectivo, na que os aspirantes conseguirán acceder a emprego fixo tras a valoración do seu currículum profesional sen realización de exame de oposición, rematou o 16 de febreiro, publicándose os listados provisionais de admitidos e excluídos dous meses despois de rematar o prazo de inscrición. 

95 categorías estatutarias 

As 95 categorías estatutarias nas que se publican hoxe os admitidos/excluídos provisionais, inclúen persoal de todos os estamentos, médico especialista, persoal investigador, enfermeiro especialista, persoal de mantemento, persoal administrativo, técnicas sanitarios, traballadores sociais entre outros.

O número total de prazas convocadas neste proceso de concurso de méritos para a o persoal estatutario é de 1.757 prazas, ademais de 34 prazas por concurso de méritos para persoal investigador.

Neste proceso de concurso de méritos resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 7.995 aspirantes, que sumados aos xa admitidos nas categorías de enfermeira 2.768, e médico de familia 349, suma un total de 11.112 aspirantes admitidos.

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 8 de maio), contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Redución da taxa de temporalidade

Este proceso excepcional mediante concurso de méritos, xunto cos procesos convocados mediante concurso oposición, que se resolverán como máximo en dous anos, teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para rebaixar a taxa actual e acadar, no ano 2024, trala execución dos procesos previstos, unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2022.

Data de actualización: 21/04/2023