As universidades públicas galegas poden presentar xa as candidaturas dos máster ao selo de Excelencia outorgado pola Xunta
O recoñecemento ten unha duración de cinco cursos académicos e as titulacións que a obteñan poderán utilizala para as súas accións de comunicación e publicidade
Esta distinción poderá ser valorada para obter financiamento específico
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño
A Xunta acaba de abrir o prazo para que as universidades públicas galegas soliciten para os seus títulos de máster o selo de Excelencia. O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria para optar a esta distinción, que chega á súa cuarta edición. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño.
Este selo de calidade acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos. A distinción ten unha duración de cinco anos e as titulacións que a obteñan, tal e como establece a convocatoria, poderán ser valoradas para obter achegas económicas incluídas no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.
Cada universidade poderá presentar, como máximo tres solicitudes, tanto se as imparte en exclusividade como se figura como universidade coordinadora, no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades galegas de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2019-2020, e que continúe impartíndose na actualidade.
Criterios de avaliación
A convocatoria establece unha serie de criterios de avaliación para acceder a esta mención. Así, aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais valoraranse con ata 25 puntos. Tamén con ata 25 puntos se valorarán os resultados do máster, para o cal se terán en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings).
Por último, o apartado de Emprendemento, no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, permitirá conseguir ata 10 puntos.
En total son nove as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa, un selo implantado hai tres anos.