A Xunta asina por unanimidade cos cinco sindicatos da Mesa Sectorial de Sanidade o acordo máis importante dos últimos anos xunto coa carreira profesional

Este acordo está dirixido a máis de 40 mil profesionais e de todas as categorías que prestan servizos na sanidade pública galega

O acordo incrementa a retribución do traballo en noites, festivos, domingos, venres pola noite, sábados e traballos en quendas, por ser os postos que garanten a continuidade asistencial as 24 horas os 365 días do ano

As melloras acadadas sitúan os salarios por atención continuada e gardas nos 4 e 7 primeiros postos, respectivamente, en comparación co resto de comunidades autónomas

O acordo pon en valor a prestación en horarios especiais cunha redución paulatina de xornada, a alta dedicación en xornada como a 5ª garda médica, e en días de maior dificultade de cobertura, aprobando unha redución horaria neses postos de traballo

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023 A Xunta de Galicia chegou, no día de onte, a un acordo unámine coas cinco organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, UGT, CSIF e SATSE), que afecta a máis de 43.000 traballadores con emprego fixo ou temporal. O acordo aplicarase en tres anos, e moitas medidas empezarán a aplicarse o 1 de xullo de 2023. Os aspectos a destacar son, a redución paulatina de xornada nos horarios especiais a quendas, nos sábados e tamén os incentivos ligados á noite de venres, postos de tarde e deslizantes en atención primaria, que, por primeira vez, verán recoñecida unha retribución adicional cunha contía. Moitas medidas, como esta última, son concreciones do acordado o 31 de marzo de 2023, así tamén, o módulo adicional a abonar para quen traballa nos días 24 e 31 de decembro como xornada ordinaria, dado que a complementaria xa se retribúe no dobre do seu valor.

O acordo asinado é, xunto á carreira profesional, o máis importante dos últimos anos; situando os salarios por atención continuada e gardas nos 4 e 7 primeiros postos, respectivamente, en comparación co resto de Comunidades Autónomas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu á xuntanza asinando o acordo pasadas as 23 horas, tras unha reunión de máis de dez horas, con ánimo construtivo por todas as partes negociadoras. A vontade negociadora e de consenso da Administración sanitaria de Galicia queda demostrada con este acordo e todos os anteriores, nun esforzo negociador sen precedentes, como os mesmos sindicatos recoñeceron ao final da xuntanza.

Así, nun clima de colaboración cara á mellora das condicións laborais e organizativas, a Administración e os sindicatos acordaron subas do 7,9 % en conceptos de gardas laborables e nocturnidade, con aplicación do 50 % do incremento neste segundo semestre. E, tamén, en gardas festivas e conceptos ligados á festividade e venres pola noite, que ven incrementado nun 15,61 % o seu valor actual.

Estas subidas aplícanse a todas as categorías que realizan atención continuada e, tamén, inclúen ao persoal residente en formación tanto de enfermería como do resto de persoal MIR; FIR; PIR etc.

O acordo inclúe melloras tanto para categorías profesionais de atención primaria como de hospital. Así, a modo de exemplo, inclúe categorías médicas, persoal facultativo especialista, enfermería e enfermería especialista, técnicos en coidados auxiliares de enfermería, técnicos especialistas, celadores, persoal de xestión e servizos, e todas as demais categorías sanitarias e non sanitarias que realizan gardas como xornada complementaria ou ben atención continuada en xornada ordinaria, incluíndo tamén nos incrementos ao persoal de Puntos de Atención Continuada e médicos de urxencias que se regulan por acordos específicos.

A finalidade das melloras vai dirixida a promover a diminución de ausencias e a realización de xornada complementaria ou atención continuada en días de maior dificultade, incluído a noite do venres, pasando a considerarse festiva a efectos retributivos. O incremento co importe completo abonarase con efectos do 1 de xaneiro de 2024.

Acórdase, tamén, incrementar o valor de hora de xornada complementaria de alta prestación entendida como cinco gardas médicas/mes en atención hospitalaria co prezo de 37 euros hora. Esta medida adóptase para incentivar, en maior medida, a alta dedicación en xornada dos profesionais que realizan máis de catro gardas ao mes e que rozan o máximo de xornada, como ocorre noutras categorías, como médico de urxencias ou médico de PAC, estes últimos viron mellorada a alta prestación no mes de xullo de 2022, grazas, tamén, a un acordo de mesa sectorial. O importe completo abonarase con efectos do 1 de xaneiro de 2024.

Descansos e organización das gardas

En materia de descansos e organización das gardas, a Administración entende que debe abordarse unha regulación integral das gardas localizadas e das libranzas do persoal que ten este tipo de prestación, así como, tamén, do persoal residente en formación. Iniciaranse os traballos no mes de xuño, coa finalidade de ditar unha normativa corporativa que vele pola seguridade e saúde dos traballadores cara a tomar medidas efectivas que garantan os descansos diarios, festivos e semanais correspondentes ou, no seu caso, alternativos.

Tamén acórdase a ampliación de abono de módulos de compensación polo traballo realizado en xornada ordinaria os días 24 e 31 de decembro como festivos, nas categorías que actualmente non as perciben e que traballan en queda de mañá ou tarde tanto na atención primaria como no hospital, que son o persoal médico especialista de hospital e persoal médico que traballa en atención primaria (médicos de familia, pediatras, odontólogos e farmacéuticos), enfermería e persoal sanitario de atención primaria, entre outros grupos, como os pendentes de incorporar en xestión e servizos.

No que se refire a quendas de tarde e deslizantes e turnicidade, implantarase, por primeira vez, o complemento de turnicidade na atención primaria para quendas de tarde e deslizantes. Acordarase as condicións de aplicación no seo da mesa sectorial. Este asunto foi acordado xa no mes de marzo, se ben agora concrétase a prestación económica. Así, tamén, o complemento de turnicidade que perciben moitas categorías no hospital por facer quendas de mañá e tarde, terá un incremento de 7,9 % a aplicar en xaneiro de 2024.

Redución da xornada laboral en cómputo anual

En materia de xornada laboral, neste intre, unha vez realizado o estudo da xornada real e das consecuencias da redución, acordase aplicar unha redución paulatina de 112 horas sobre a xornada ordinaria de 37,5 horas, nas condicións seguintes:

No ano 2023, redución de 21 horas na xornada laboral ordinaria para o persoal con quenda fixa de mañá ou tarde regulada no acordo de concertación social 2001, así como tamén o persoal asimilable ao anterior nas condicións horarias, como o persoal de enfermería e PSX de atención primaria con postos de xornada de mañá, tarde ou deslizante. Esta redución da xornada ordinaria para o persoal anterior será aplicada na quenda de sábado.

De non ser posible a cobertura da redución de tres sábados por falta de persoal de enfermería, abonarase a compensación correspondente por xornada complementaria. A redución de xornada anterior farase a partir do mes de xullo deste ano.

En canto ao persoal con horarios especiais e rotación en quendas, que estea incluído no Acordo de Concertación Social, así como tamén ao persoal PSX de Puntos de Atención Continuada, seralle aplicada a redución neta de 21 horas sobre a xornada que resulte da táboa prevista no Acordo de Concertación Social, que xa teñan asignada. Esta mesma redución será aplicable na xornada ordinaria do persoal con acordos específicos como Puntos de Atención Continuada, médicos de urxencias e residentes en formación.

Coas mesmas condicións anteriores procederase a redución paulatina nos anos seguintes; no 2024, 49 horas; e no 2025, 42 horas.

Este acordo pretende acadar unha redución total de 112 horas neste ano e os dous seguintes, coa finalidade de igualar a dedicación en xornada do persoal de quenda fixa, por unha banda, e por outra, a redución correspondente en xornadas especiais do persoal a quendas.

Compromiso co consenso

Cos acordos asinados en menos de 20 días, a Consellería de Sanidade reafírmase no seu compromiso co consenso, as vías de negociación sen necesidade de conflitos e a vontade de situar á sanidade galega entre as mellores do estado Español.

Compre recordar as medidas innovadoras adoptadas como o acceso a prazas de difícil cobertura sen necesidade de exame, ou a última proposta de plan de relevo xeracional cara a contratar aos residentes en formación que finalizan esta ano a especialidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023