O presidente asiste ao XIII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas que se celebra en Ourense

Rueda enxalza o papel do Camiño de Santiago como ruta vertebradora de Europa

”É moito máis ca un percorrido ou turismo, é a historia de Europa e do mundo”, defende sobre a súa relevancia para o fomento do intercambio cultural entre as diferentes nacións do continente europeo
 

Resalta que tras pechar un 2022 histórico en canto a número de peregrinos, Galicia segue a rexistrar un aumento de visitantes respecto a outros anos
 

Agradece o labor das asociacións de amigos do Camiño na preservación e difusión das rutas que levan a Santiago e lembra que a Xunta xa ten en marcha un Plan director cara aos Xacobeos de 2027 e 2032
 

Ourense, 21 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o papel do Camiño de Santiago como ruta vertebradora de Europa pola súa aportación ao fomento e intercambio cultural entre as diferentes nacións do continente europeo. “É moito máis ca un percorrido ou turismo, é a historia de Europa e do mundo”, aseverou na inauguración en Ourense do XIII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas procedentes de 14 países, ás que cualificou de “imprescindibles” polo seu labor de voluntariado, difusión, investigación e estudo das diferentes rutas xacobeas.

Rueda incidiu na importancia destas asociacións na actualidade existen 350 entidades deste tipo, o 60 % fóra de España e agradeceulles a difusión que fan das diferentes rutas xacobeas e garantiulles o apoio da Xunta de Galicia para seguir potenciando o Camiño de Santiago, ao que definiu como “camiño colectivo” e ao que lle augurou “marxe de crecemento”, sempre que se faga con “sentidiño”. “E iso só o podemos facer da man dos colectivos e asociacións que o coñecedes”, defendeu.
 
Precisamente, salientou que, tras o récord de 2022 con datos históricos de compostelas (máis de 438.600), o inicio de 2023 está a amosar unha maior afluencia de peregrinos que no mesmo período do ano anterior. En todo caso, Rueda advertiu que a experiencia do Camiño de Santiago non debe centrarse en buscar só o aumento do número de peregrinos. “Ten que ser unha experiencia única e exclusiva”, demandou.
 
Por estes motivos, puxo en valor as actuacións que está a levar a cabo a Administración galega nas diferentes rutas cara a esta década que estará marcada por dous novos Anos Santos: o de 2027 e o de 2032. En concreto, referiuse ao millón de euros aprobado onte no Consello da Xunta para arranxar 75 albergues da rede pública de Galicia, unha partida que forma parte da posta en marcha do Plan Director Camiño de Santiago 2022-2027 e que prevé actuacións para a conservación dos sendeiros, incrementar a sinalización das rutas, mellorar á accesibilidade na rede de albergues, rehabilitar e actuar sobre os Bens de Interese Cultural que hai nas rutas xacobeas, así como impulsar a dixitalización do sector turístico vencellado ao Camiño.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2023