A estatística do Ministerio de Educación amplía o liderado de Galicia como a comunidade con máis alumnado con necesidades especiais integrado en centros ordinarios
O 94% deles estuda en colexios e institutos ordinarios, co apoio da rede de 4.000 profesionais de atención á diversidade que ten en funcionamento a Xunta
Mellórase en case medio punto respecto do rexistro anterior e increméntase a distancia respecto á segunda CCAA, neste caso Asturias (87,3)
O dato galego mellora en máis de 10 puntos a media nacional (83,8)
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023 As estatísticas publicadas polo Ministerio de Educación y FP sobre a situación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo volven situar a Galicia como a Comunidade con máis porcentaxe destes estudantes integrado en centros ordinarios.
Tal e como vén de publicar o Goberno central, o 94% dos escolares con necesidades especiais en Galicia estuda en colexios e institutos ordinarios. Isto supón unha mellora de case medio punto respecto do rexistro anterior (93,6) e incrementa a distancia respecto á segunda CCAA, neste caso Asturias. Ademais, o datos galego mellora en máis de 10 puntos a media nacional (83,8):
CCAA | Porcentaxe Curso 21/22 | CCAA | Porcentaxe Curso 20/21 |
Galicia | 94,0 | Galicia | 93,6 |
Asturias, | 87,3 | Navarra | 89,8 |
Murcia | 87,0 | Ceuta | 88,0 |
Ceuta | 86,9 | Asturias | 86,9 |
Castela e León | 86,3 | Castela e León | 86,3 |
Baleares | 85,6 | Murcia | 86,3 |
A Rioxa | 84,6 | País Vasco | 86,1 |
País Vasco | 84,4 | Melilla | 86,1 |
Melilla | 84,4 | A Rioxa | 85,3 |
Andalucía | 84,1 | Baleares | 85,0 |
TOTAL | 83,8 | Andalucía | 84,3 |
Castela-A Mancha | 83,8 | Cantabria | 83,0 |
Valencia | 82,5 | Castela-A Mancha | 83,0 |
Cantabria | 81,9 | TOTAL | 82,9 |
Cataluña | 81,2 | Madrid | 80,7 |
Madrid | 80,9 | Canarias | 80,1 |
Canarias | 80,5 | Cataluña | 79,8 |
Extremadura | 79,3 | Aragón | 76,3 |
Aragón | 76,9 | Extremadura | 76,1 |
Navarra | 73,2 | Valencia | 66,6 |
Tal e como explica a información difundida polo Ministerio, inclúese na estatística o alumnado que require e, previa valoración polos correspondentes servizos de orientación, recibe unha atención educativa específica debido a necesidades educativas especiais, a dificultades específicas da aprendizaxe, as súas altas capacidades intelectuais, á súa incorporación tardía ao sistema educativo español ou a condicións persoais ou de historia escolar.
Todos eles son atendidos, tanto nos centros ordinarios como nos de Educación Especial, pola rede de arredor de 4.000 profesionais de atención á diversidade que ten en funcionamento a Xunta, grazas aos que Galicia se ratifica como a Comunidade co ensino máis inclusivo do Estado.