A Academia Galega de Seguridade Pública aborda a intervención xurisdicional con menores nunha xornada

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do encontro, que se desenvolverá o día 5 de maio coa participación do fiscal de Menores de Galicia, José Manuel Ucha, e o que fora o primeiro Defensor do Menor, Javier Urra

A Estrada (Pontevedra), 21 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dunha xornada sobre intervención xurisdicional con menores que terá lugar o día 5 de maio na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). O encontro desenvolverase durante a mañá, de 10,00 a 14,00 horas, e contará coa participación do fiscal de Menores de Galicia, José Manuel Ucha, e o que fora o primeiro Defensor do Menor, Javier Urra.

Segundo o programa previsto, na sesión abordarase a xurisdición penal dos menores desde o punto de vista policial e xudicial, e a educación como a mellor prevención, afondando na saúde mental infanto-xuvenil e nos aspectos relevantes no trato cos menores. Como peche celebrarase un coloquio.

A iniciativa vai dirixida a persoal das forzas e corpos de seguridade, xudicatura, Ministerio Fiscal e demais profesionais interesados. O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 3 de maio a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp.  

Trátase dunha xornada enmarcada na programación formativa da Academia Galega de Seguridade Pública para 2023, na que se incide no tratamento con colectivos vulnerables para dotar o persoal dos recursos precisos nestas intervencións. 

Data de actualización: 21/04/2023