O conselleiro do Medio Rural clausurou hoxe a Primavera de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia organizada pola Axencia Turismo de Galicia

A Xunta resalta a importancia das rutas dos viños de Galicia para dar a coñecer o bo facer das cinco denominacións de orixe vitivinícolas da comunidade

As rutas comezarán en Valdeorras e rematarán en Monterrei tendo por obxectivo a mellora do posicionamento dos viños galegos

José González salientou o compromiso da Xunta co sector mediante medidas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia ou a Lei de recuperación da terra

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor o viño galego como principal elemento dinamizador dos territorios que compoñen as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade. Neste sentido, cualificou as rutas do viño como un “XPS singular” para coñecer estas cinco denominacións -Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei-  e canda elas, recoñecer os viños de calidade. Foi na clausura da Primavera de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia organizada pola Axencia Turismo de Galicia. 

Así, como demostración dese apoio, o conselleiro citou iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, impulsada pola Xunta da man do sector. Esta folla de ruta persegue potenciar os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor do sector e outros eidos vinculados a el, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe. 

Deste xeito, o gran obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. No seu desenvolvemento xogará un papel fundamental a futura Lei de calidade alimentaria, así como a Lei de recuperación da terra agraria, para garantir a rendibilidade do sector do viño e a súa sustentabilidade, así como a remuda xeracional. Nesa liña, entre instrumentos de recuperación e reestruturacións parcelarias, xa son arredor de 35.000 hectáreas as que que están a ser mobilizadas na comunidade desde 2020, moitas delas destinadas á plantación e cultivo de vide. 

Así mesmo, o conselleiro salientou o peso do sector vinícola galego, que agrupa máis de 10.000 viticultores e case 450 adegas, cunha superficie que supera as 8.700 hectáreas de viñedos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023