Escolares do CEIP Terra Chá de Vilalba percorren unha etapa do Camiño Norte dentro do programa da Xunta Vexo Veo Xacobeo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañou aos nenos e nenas na actividade, que pretende “fomentar que os máis cativos coñeza a riqueza natural e patrimonial que hai arredor do Camiño e aprendan a valoralo e a coidalo”

Arredor de 770 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria de nove colexios da provincia de Lugo participan este curso na iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta para centros educativos
 

Lugo, 20 de abril de 2023

O Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá da parroquia de Román, en Vilalba, participa no programa da Xunta Vexo Veo Xacobeo, que busca difundir o valor do Camiño de Santiago entre os escolares de toda Galicia.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañou hoxe a preto de 70 nenos e nenas do centro vilalbés nun percorrido polo Camiño Norte que partiu da ponte de Saa. Desfrutaron ademais dunha sesión de contacontos relacionado coa ruta xacobea e gravaron un documental.

Arias explicou que arredor de 770 alumnos de Infantil e Primaria de nove colexios da provincia participan este curso no Vexo Veo Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia dentro do Plan Proxecta da Xunta para centros educativos.

“O obxectivo é fomentar que os máis cativos coñezan toda a riqueza natural e patrimonial que hai arredor do Camiño e aprendan a valoralo e a coidalo”, dixo o delegado. Engadiu que o fan “dun xeito totalmente lúdico a través de actividades didácticas e amenas, que procuran promover entre os nenos e nenas o interese pola ruta xacobea, un dos nosos patrimonios máis célebres”. 

Ademais do CEIP Terra Chá, os demais centros lucenses participantes este curso son o CPI de Castroverde; os CEIP Luis Pimentel e Quiroga Ballesteros de Lugo; San Xoán de Becerreá; Xoán de Requeixo de Chantada; Virxe da Luz de Portomarín; Gregorio Sanz de Ribadeo e a Escola de Educación Infantil (EEI) Xela Arias de Sarria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023