A nova Lei de Artesanía de Galicia modernizará este sector e incrementará a súa profesionalidade e competitividade

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de lei co que comeza agora a súa tramitación parlamentaria para actualizar a normativa actual que conta con máis de 30 anos

O presidente galego subliña, entre as novidades, a creación de zonas de especial interese artesanal e a incorporación da figura de Mestre e Mestra artesá

A nova normativa incorpora a fusión da innovación e da tradición dun sector artesán capaz de integrar o novo talento e conservar e recuperar as distintas manifestacións tradicionais, asegurando a remuda xeracional

Na actualidade están rexistrados 831 obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia, e aspírase a superar os 1200 en 2030

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a importancia da aprobación por parte do Consello da Xunta do proxecto de Lei de Artesanía de Galicia  —que agora comezará a súa tramitación parlamentaria— e que actualizará a normativa vixente con máis de 30 anos co obxecto de modernizar e incrementar a profesionalidade e competitividade dun sector, que situou entre “os que máis contribúen a xerar ‘marca Galicia’”.

Rueda puxo en valor esta actividade económica pola súa sustentabilidade, ser xeradora de emprego e estar vencellada ao territorio e subliñou que a futura lei incorpora a “fusión de innovación e da tradición” dun sector artesanal “capaz de integrar o novo talento e conservar e recuperar as distintas manifestacións artesás tradicionais, asegurando a remuda xeracional”.

Principais novidades

O mandatario galego adiantou as principais novidades que incorporará a nova lei, como a creación de zonas de especial interese artesanal. Poderán ser outorgadas aos territorios formados por un ou varios municipios ou parte deles que conten cun colectivo artesanal activo e homoxéneo onde os oficios propios estean relacionados co territorio, co procedemento e co produto, ou que teñan unha tradición artesanal de longo percorrido ou de recoñecemento histórico.

Aínda que, polo momento, non hai ningunha zona de interese preestablecida, Rueda apuntou algunhas zonas que poderían encaixar neste recoñecemento, “como a olería de Buño, as palilleiras de Camariñas ou as colareiras do Grove”, precisou.

Outras das novidades da futura lei que foron avanzadas polo presidente da Xunta é a ampliación “ata case o 50 %” do número de artesáns que hai en Galicia, xa que precisou que na actualidade hai 831 obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia e aspírase a superar os 1200 en 2030.

Ademais, incorporará a figura de Mestre e Mestra artesá coa que se distinguirá a excelencia e traxectoria no eido profesional ou divulgativo. Entre os requisitos que adiantou o mandatario galego para esta distinción será “levar alomenos 20 anos no oficio”.

Unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o proxecto de lei –que foi consensuado co sector– inicia a súa tramitación parlamentaria, con obxectivos como conservar e recuperar as manifestacións artesanais máis tradicionais; a potenciación do deseño e a artesanía contemporánea; a inclusión de novas actividades artesanais e novas vocacións; o impulso da comercialización e a mellora da rendibilidade; a profesionalización do sector; a creación de sinerxías con outros sectores ou o desenvolvemento local e a dinamización do rural, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023