O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe nestas xornadas que se celebran na Residencia de Tempo Libre do Carballiño

A Xunta organiza un encontro formativo para educadores sociais e persoal dos equipos técnicos do menor

O obxectivo deste foro, que se realiza en colaboración co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, é crear rede entre os profesionais e mellorar as intervencións que se realizan desde o eido da atención á infancia

O Carballiño (Ourense), 20 de abril de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na apertura dun encontro formativo de servizos de educación e apoio familiar que hoxe e mañá reúne na Residencia de Tempo Libre do Carballiño a educadores sociais e persoal dos equipos técnicos do menor. O obxectivo destas xornadas, organizadas pola Xunta e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, é fortalecer o traballo en rede das profesionais neste ámbito dos distintos concellos da Comunidade Autónoma.

 

Jacobo Rey sinalou que este foro “é unha oportunidade para enriquecer o sistema, crear rede entre os profesionais e mellorar as intervencións que se realizan desde o eido da atención á infancia”. Ademais, destacou a importancia que ten o traballo dos educadores sociais para detectar as necesidades das familias, actuar na prevención e evitar a cronificación e o agravamento das situacións de perigo que supoñan un perigo para o desenvolvemento da infancia.

 

O programa deste encontro formativo inclúe, entre outros temas, unha presentación do programa Valora-Galicia, ferramenta da Administración para mellorar a coordinación e colaboración na avaliación de casos de desprotección na infancia e na intervención coas familias. Así mesmo, profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) abordarán a cuestión da coordinación cos centros escolares para detectar e frear condutas suicidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023