A Xunta tende a man ao tecido industrial para enfrontar a súa transformación e priorizar o emprego

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunha xornada sobre reindustrialización en Ferrol onde avogou por reducir ao mínimo os EREs industriais e brindar apoio ao sector para superar a transición dixital e verde co menor impacto no emprego

Ferrol, 20 de abril de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada da delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, participou no evento Unha proposta de valor para o territorio: a reindustrialización celebrado no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño, no que ofreceu a colaboración da Xunta de Galicia para que o tecido industrial enfronte con solvencia a súa transformación dixital e verde con efectos mínimos no emprego.

Mancha apuntou como retos inmediatos do sector, o de preservar o emprego ante cambios que lle están a afectar como a deslocalización da produción, a globalización dos mercados, a substitución das fontes de enerxía, a dixitalización e mesmo a irrupción da intelixencia artificial. “Estase a producir unha transformación extraordinariamente rápida da actividade económica industrial con inmediatos efectos no emprego, e debemos ter as ferramentas para enfrontarlos con solvencia”, especificou a directora xeral.

A Administración autonómica mantén un diálogo permanente cos axentes sociais “para reducir ao mínimo a incidencia dos posibles ERES que se vaian producir e evitar a temida destrución de emprego”, indicou a directora xeral, quen destacou a posta en marcha do novo proxecto industrial de Nervión nas Somozas, para o que ofreceu colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A Xunta de Galicia está a desenvolver unha estratexia, Xempre Contigo, que pasa por poñer no centro ás persoas e o seu talento. Ten na cualificación profesional un dos seus principais eixos, coa finalidade de adaptar a formación de traballadoras e traballadores as necesidades do mercado laboral, neste caso ao tecido industrial. É neste marco onde as empresas poden aproveitar os apoios á cualificación e recualificación do capital humano e mesmo incentivos á contratación, especificou a directora xeral.

Elena Mancha destacou, por último, o potencial das Somozas e de Ferrolterra, “unha comarca preparada, pegada ao territorio e, que ten ganas de enfrontar novos proxectos”, para os que ofreceu acompañamento da Xunta de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2023