O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde no networking Galicia Empresa organizado pola Asociación de empresarios do polígono de Xinzo de Limia

Conde salienta a importancia de seguir acompañando a actividade empresarial e as necesidades das empresas da comarca da Limia

O vicepresidente económico subliñou que a Administración autonómica está a orientar todo este esforzo cara a tres eidos: a axilidade administrativa, o acceso a solo industrial e o impulso da innovación e a sustentabilidade no tecido empresarial galego

De xaneiro a marzo creáronse na provincia de Ourense 115 empresas, un 18,5% máis que no primeiro trimestre do ano pasado

Xinzo de Limia (Ourense), 19 de abril de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  destacou hoxe o traballo que está a facer a Administración autonómica por acompañar a actividade empresarial e as necesidades das empresas galegas.

Durante a súa intervención no Networking Galicia Empresa, organizado pola Asociación de empresarios do polígono de Xinzo de Limia, Conde salientou que a Xunta de Galicia está a orientar todo este esforzo cara a tres eidos: a axilidade administrativa a través da Lei de simplificación, o acceso a solo industrial e o impulso da innovación e a sustentabilidade no tecido empresarial galego.

Nesta liña, o vicepresidente económico informou das axudas que a Xunta de Galicia ten neste momento á disposición das empresas para fomentar a eficiencia enerxética. Entre elas, destacou o Bono Enerxía Peme, que este ano conta cun orzamento de 4,2M€ para a mellora de instalacións e equipamentos máis eficientes. Tamén está aberta ata o 15 de xuño a liña de apoios para a constitución de comunidades enerxéticas locais, que permite reducir os custos da factura eléctrica e dispón dun orzamento de 600.000 euros.

De xaneiro a marzo creáronse na provincia de Ourense un 18,5% máis de empresas que no primeiro trimestre do ano pasado; en total 115. E, ao respecto, Conde avogou por xerar ecosistemas que favorezan o emprendemento e por iniciativas como o Conecta Ourense, que a Xunta desenvolve en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense, para achegar información e asesoramento ás empresas, con dúas oficinas en Verín e no Barco de Valdeorras.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023