A Xunta adxudicou 20 lotes de madeira por 815.000 € na última poxa pública electrónica de madeira da provincia de Pontevedra

Os importes acadados na poxa manteñen a tendencia dos prezos da madeira de coníferas avanzado en anteriores poxas, sendo previsible que continúen nestes niveis debido a que esta madeira está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións

Dos 28 lotes que se ofertaban, 24 contan con certificación forestal sostible PEFC e sete con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial

A plataforma telemática a través da que se realiza a poxa enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023 A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 20 lotes de madeira por 815.236,58 euros na poxa pública electrónica de madeira que se celebrou hoxe en Pontevedra. Dos 28 lotes inicialmente previstos, oito -en xeral de pequena dimensión- quedaron desertos. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. 

En total, os lotes suman máis de 30.000 toneladas de madeira de piñeiro do país, piñeiro insigne e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies; Isto tradúcese nunha absorción de CO2 de máis de 18.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro. 

Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima sendo previsible que se manteñan no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.  

Dos lotes ofertados, 24 contan con certificación forestal sostible PEFC e sete máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.  

Cabe lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto. 

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores presentaron directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural:

Compromiso da Xunta 

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Data de actualización: 19/04/2023