A Xunta destaca o traballo co tecido produtivo na busca de novas oportunidades de negocio en México

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións da antena comercial no país, que supón o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica

Ao longo do ano pasado, as vendas galegas a México medraron en máis dun 48 %, acadando os 326 M€, o que fai deste país o terceiro socio comercial de Galicia fóra de Europa

Cidade de México (México), 19 de abril de 2023 O director do Igape, Fernando Guldrís, vén de visitar a Antena coa que contan en Cidade de México e que, como o resto destas oficinas, ten por obxectivo facilitar o camiño das empresas galegas no país de destino, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización.

“A Antena do Igape en México colabora con numerosas compañías galegas na consolidación dos seus proxectos neste mercado, que supón o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica”, salientou Guldrís, que acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa recente visita a este país. Non en van, ao longo de 2022, as exportacións galegas a México medraron en máis dun 48 %, acadando os 326 M€, o que fai deste país o terceiro socio comercial de Galicia fóra de Europa.

Neste marco, a Antena de México, desde a súa posta en marcha en 2018, ademais das empresas atendidas, coopera tamén con clientes e institucións, facilitándolles a todos eles servizos personalizados como axendas de negocio, apoio en accións de promoción, prospeccións de mercado ou axuda para a implantación en destino. Así mesmo, organiza misións comerciais apoiando, de modo directo, a implantación de distintas empresas.

Neste momento, a Antena está a desenvolver un plan de actuación para o presente ano que se centra na internacionalización dixital e no enfoque cara ao cliente, na procura de incrementar as relacións económicas entre Galicia e México, que se atopa xa entre as 16 economías máis grandes do mundo e a segunda de América Latina.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023