A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a Illa de San Simón, onde se desenvolverá un novo campamento xuvenil e un campo de voluntariado

A Xunta de Galicia ultima os preparativos para os campamentos de verán

 ‘A illa das historias’ é o nome do primeiro campamento xuvenil que acollerá este enclave natural da ría de Vigo

Celebrarase do 3 ao 10 de agosto e por el pasarán un total de 30 mozos desde os 13 aos 16 anos

O período de solicitude de praza nos campamentos da Xunta permanecerá aberto ata o vindeiro día 2 de maio

Redondela (Pontevedra), 19 de abril de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a Illa de San Simón, que en agosto acollerá de novo un campo de voluntariado e será escenario por primeira vez dun campamento xuvenil, dentro da programación da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Fabiola García indicou que o Goberno galego está a ultimar os preparativos necesarios para que a mocidade desfrute dun verán para lembrar.

O novo campamento no complexo da Illa de San Simón —Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 1999 e xestionado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades— leva por nome ‘A illa das historias’. Polo mesmo pasarán do 3 ao 10 de agosto unha total de 30 mozos desde os 13 aos 16 anos de idade.

Os participantes, que deberán saber nadar, coñecerán a historia deste enclave que foi testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, lazareto para persoas con enfermidades infecciosas ou cárcere. Ademais, contarán cunha ampla proposta de actividades como obradoiros artístico-literarios, de tradición marítimo-pesqueira e tamén de educación ambiental. 

O prazo para solicitar praza nun dos campamentos da Xunta abriu onte, martes, e permanecerá aberto ata o vindeiro día 2 de maio. As familias deberán facer as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta e contan con toda a información sobre a oferta deste ano na páxina web de Xuventude (www.xuventude.net).

Campo de voluntariado

Ademais, están tamén habilitados os formularios para pedir praza nun dos campos de voluntariado da Xunta, que poderá facerse desde a páxina web de Xuventude. Están dirixidos a mozos de entre 18 e 30 anos e a convocatoria estará aberta ata tres días antes do comezo de cada campo. O campo de voluntariado da Illa de San Simón, que se celebra desde os tres últimos anos, terá lugar do 1 ao 12 de agosto. Contará con 15 prazas e a temática será teatral.

A Campaña de Verán ten como lema este ano ‘O verán que sempre vas lembrar’ e conta co máis de 11.200 prazas entre campamentos xuvenís, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023