O conselleiro do Medio Rural participou, vía telemática, na Mesa da Seca, convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación

A Xunta reclama ao Goberno central que o IVE sexa custo elixible na modernización do regadío da Limia

José González sinalou que é preciso incrementar os fondos asignados á modernización do regadío da Limia para que se adecúe ao custo real e revisar o esquema financeiro proposto, co fin de que sexa o menos gravoso posible para os regantes

Puxo en valor o importante esforzo realizado na construción de 40 pozos para a captación de augas subterráneas e avogou por que a colaboración da Xunta sexa estendida a todas as administracións

En relación á seca, Galicia vive neste momento unha situación de normalidade no que se refire á Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a bacía de responsabilidade autonómica, cunha reserva actual dos encoros do 86,63 %

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá, vía telemática, na Mesa da Seca, convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para reclamarlle ao Goberno central que o IVE sexa un custo elixible no programa nacional de modernización dos regadíos, no que se inclúe o da comarca da Limia. 

Así, o conselleiro sinalou que dada a situación xeneralizada de incremento de prezos que sofre toda a economía é preciso ampliar o orzamento estatal destinado á modernización dos regadíos, sinaladamente o da Limia. Este orzamento canalízase a través de convenios entre as comunidades de regantes e a entidade pública estatal SEIASA. Pero ademais deste incremento no orzamento estatal, José González reclamou ao Goberno central que o IVE da modernización do regadío, que non é deducible para os regantes, sexa custo elixible a efectos de poder ser subvencionada con fondos europeos.

Neste senso, o conselleiro explicou que a repartición inicial dos gastos do convenio entre SEIASA e os regantes prevé que os ditos regantes asuman o 20 % do custo de execución material, ao que hai que sumar o 100 % do IVE soportado por dita execución; un gasto totalmente inasumible polas comunidades de regantes implicadas: a de San Salvador de Sabucedo, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia. Por iso, o feito de considerar o IVE como custo elixible suporía que se puidese subvencionar con fondos europeos, reducindo así de forma substancial as aportacións dos regantes.    

Por iso, insistiu o conselleiro, é preciso incrementar os fondos asignados á modernización do regadío da Limia para que se adecúe ao custo real e revisar o esquema financeiro proposto, co fin de que sexa o menos gravoso posible para os regantes. Ademais, trasladou, ese encarecemento pode chegar a lastrar a competitividade da industria agroalimentaria galega, ao supoñer un prexuízo para as comunidades de regantes e, ademais, para o consumidor final dos produtos xerados nos citados regadíos modernizados.    

O conselleiro puxo en valor o importante esforzo realizado na modernización dos regadíos da Limia, no marco do proxecto de construción de 40 pozos para a captación de augas subterráneas. Por iso, sinalou, é fundamental que a colaboración da Xunta sexa estendida a todas as administracións co obxectivo de alcanzar unha actuación integral no territorio que supoña un verdadeiro beneficio económico e ambiental.

Situación de Galicia en canto á seca

En relación á seca e escaseza de auga, Galicia vive neste momento unha situación de normalidade no que se refire á Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a bacía de responsabilidade autonómica. Hai que ter en conta que aproximadamente a metade do territorio galego pertence a outras demarcacións hidrográficas de competencia estatal, sendo a principal a Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil.

No ámbito da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, cóntase cun plan especial de seca aprobado no ano 2022 e, en base ao mesmo, estase facendo un seguimento constante da situación. De feito, a reserva actual dos encoros da demarcación de competencia autonómica Galicia-Costa é do 86,63 %, o que supón un 14,95 % máis que o ano anterior.

En canto aos encoros de abastecemento, en Galicia-Costa a ocupación é do 85,99 %, un 0,79 % superior á ocupación do pasado ano, cando se situaban ao 85,20 % da súa capacidade. Tamén cómpre indicar que a día de hoxe todos os valores están en situación de normalidade en canto aos caudais circulantes nos ríos da demarcación Galicia-Costa.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2023