A Xunta traslada a disposición a actuar no firme da estrada AC-414 se o Concello de Carballo asume a transferencia dos treitos da vía, con funcionalidade eminentemente local

O treito da AC-414 ao paso polo municipio está constituída por 2 tramos antigos da estrada AC-418, que actualmente atende unha mobilidade de carácter veciñal

Se o Concello amosa a súa conformidade a asumir a titularidade destes treitos, a Xunta iniciará a tramitación para executar a rehabilitación do firme

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

A Xunta remitiulle un escrito ao Concello de Carballo trasladándolle a súa disposición a actuar no firme da estrada AC-414, ao seu paso polo municipio, se a entidade local se compromete a asumir a transferencia deses treitos da vía, con funcionalidade eminentemente local.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitiulle ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a proposta para acometer a rehabilitación da citada estrada AC-414,  constituída por dous treitos antigos da vía AC-418, que na actualidade carecen de funcionalidade na rede autonómica de estradas, sendo o seu obxecto o acceso para os veciños dos núcleos da contorna e, polo tanto, tráfico local e non de carácter interurbano.

 

A Xunta trasladoulle ao alcalde de Carballo a proposta de incorporar na programación de investimentos do Plan de reforzos de firmes que leva a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas a rehabilitación e disposición dunha capa de rodaxe completa nesa estrada, de comprometerse o Concello a aceptar o cambio de titularidade dos citados dous treitos da vía.

 

Neste caso, unha vez a entidade local remita por escrito o seu compromiso de asumir o cambio de titularidade, a Xunta iniciará a tramitación oportuna para executar as actuacións e, posteriormente, tramitar o expediente de cambio de titularidade a prol do Concello de Carballo.

Data de actualización: 18/04/2023