A Xunta colabora coa AECC para organizar en Lugo unha nova marcha solidaria contra o cancro o 29 de abril

Lugo, 18 de abril de 2023 A Xunta de Galicia colabora coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para organizar unha nova edición da iniciativa solidaria Lugo en marcha contra o cancro - IV Milla e Andaina, que se celebra o sábado 29 de abril. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da actividade acompañado da presidenta da AECC de Lugo, María Luz Abella, e de representantes doutras entidades implicadas.

A programación comezará a partir das 18.00 horas na praza Horta do Seminario. Incluirá unha andaina polo adarve da Muralla para todos os públicos; así como carreiras en diferentes categorías e idades abertas á participación de nenos e adultos. Tamén hai a opción de colaborar cun dorsal solidario. As persoas interesadas en ampliar a información e inscribirse poden acceder á páxina web habilitada pola AECC, lugocontraocancro.es.

Arias destacou que nesta nova marcha organizada pola entidade “a nosa meta será darlle visibilidade ao obxectivo que nos une a todos, que é incrementar as taxas de supervivencia nesta enfermidade”. Nese sentido, animou á cidadanía “a participar nos programas de cribado que desenvolve a Consellería de Sanidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2023