A Xunta abre o prazo ata o vindeiro 7 maio para inscribirse nas catas oficiais de viños e augardentes de Galicia 2023

Os interesados terán que enviar o correspondente boletín de inscrición ao consello regulador correspondente, quen certificará que as empresas que se inscriban cumpren os requisitos e condicións establecidas nas bases do concurso

O persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías un dos concursos agroalimentarios máis importantes de Galicia

No mes de xuño celebrarase a XXXV Cata dos Viños, a XXV Cata das Augardentes, a XII Cata dos Licores Tradicionais e a X Cata das Augardentes de Herbas

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

A Xunta organiza unha nova edición das Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia 2023, en colaboración cos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vinícolas e o das indicacións xeográficas protexidas das augardentes e licores tradicionais. Así, todos aqueles interesados en participar neste certame teñen de prazo ata o vindeiro 7 de maio para enviar o correspondente boletín de inscrición debidamente cumprimentado ao consello regulador correspondente, quen certificará que as empresas que se inscriban cumpren os requisitos e condicións establecidas nas bases do concurso. Para o caso dos viños con indicación xeográfica protexida enviaranse electronicamente ao Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ao correo electrónico catas.cmrm@xunta.gal, solicitando sempre confirmación da recepción.

Deste xeito, celebrarase no mes de xuño a XXXV Cata dos Viños, a XXV Cata das Augardentes, a XII Cata dos Licores Tradicionais e a X Cata das Augardentes de Herbas. En cada unha desas catas, haberá diferentes categorías nas que poderán concursar os participantes. Toda a información relativa ás bases do concurso e as inscricións pódense consultar na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/alimentacion/cata-vinhos-augardentes         

Cata a cegas

O persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías, o rigor e a seriedade un dos concursos agroalimentarios máis importantes de Galicia. Nel escóllense os mellores viños galegos, augardentes e licores nas súas diferentes categorías.

 

No que atinxe aos viños, o persoal da Consellería do Medio Rural recolle e identifica as botellas participantes nas súas respectivas adegas, co apoio dos responsables de cada selo de calidade. Para garantir que as catas sexan a cegas, todas elas se envolven en material opaco e introdúcense posteriormente nunha caixa selada. Así, só queda visible o nome da categoría na que participa e o tipo de viño -tinto ou branco-.

 

Con respecto ás augardentes e os licores tradicionais, recóllense as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas. Deste xeito, tamén resulta imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

 

Carácter único

A través destas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores galegos -elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas- como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

 

Así, a organización outorgará un premio (trofeo e diploma) para o mellor viño branco e outro para o mellor viño tinto de Galicia, elixido entre os brancos e tintos mellor puntuados de cada denominación de orixe. Ademais, para cada denominación outorgaranse ata tres premios (Acio de Ouro, Prata ou Bronce) aos tres viños mellor valorados, así como aos Viños da Terra, colleiteiros, colleitas anteriores, madeira, escumosos, tostados, ecolóxicos e de variedades senlleiras (o número de premios por categoría sempre será en función do número de mostras participantes).   

 

No que se refire ás augardentes cataranse este ano tres categorías: Augardente de Galicia, Augardente de Galicia Envellecida, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, que recibirán o Pote de Ouro, Prata ou Bronce, segundo a valoración das mostras.

Data de actualización: 18/04/2023