Lorenzana mantén un encontro co Clúster Tic para avaliar a súa colaboración na cualificación en competencias dixitais das persoas traballadoras

Promoción do Emprego e Igualdade declarou prioritario o sector das tecnoloxías da información e da comunicación cara á cualificación da poboación traballadora

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes do Clúster TIC Galicia, para someter a repaso as necesidades do sector en Galicia e avaliar a colaboración que a Xunta e esta asociación manteñen no eido da formación laboral de persoas traballadoras en activo e desempregadas para dar resposta ás necesidades de man de obra que demanda o mercado. Durante este ano a Xunta destina preto de 700.000 euros ao convenio co clúster co que se espera formar máis de 1.700 persoas.

A Xunta de Galicia, tal e como debullou Lorenzana, declarou de carácter prioritario a formación para a cualificación e recualificación da poboación activa no sector TIC e outros como o Primario, a función loxística, naval, automoción, metalmecánico, enerxías renovables, TIC, construción, comercio, hidróxeno e minaría. Con esta declaración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere atender de xeito prioritario ás necesidades de oferta formativa para a poboación activa vencellada con estes sectores polas necesidades de captación de persoal cualificado detectadas.

Tal e como subliñou Lorenzana no encontro, o sector TIC ten un rol relevante na transición dixital pola que se está a apostar no actual contexto socioeconómico. A formación de carácter non formal vencellada aos sectores produtivos que pivoten como sectores tractores eríxese así como un claro compromiso da Xunta de Galicia por dotar á poboación activa das competencias precisas que aumenten a súa empregabilidade.

O Clúster TIC Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que se constituíu en 2008 para reunir empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2023