A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou esta mañá en Madrid nun encontro de traballo convocado pola Asociación Española de Construtores Independentes, ANCI
A Xunta solicita ao Goberno de España 28 M€ adicionais de fondos Next Generation para 24 novas actuacións de mobilidade sostible que están preparadas para a súa execución
Vázquez Mourelle subliña o deber de aproveitar ao máximo a inxección extraordinaria de fondos europeos de reconstrución que se puxeron á disposición das distintas administracións para fomentar a recuperación económica
Considera que Galicia está preparada para facer máis e lograr un maior aproveitamento deses fondos, tendo en conta que a 31 de marzo a Xunta tiña licitado o 100% dos Next Generation asignados para proxectos de mobilidade sostible
Agarda que a petición da Xunta sexa atendida para non desaproveitar eses recursos, xa que moitas autonomías non foron capaces de cumprir os fitos impostos polo Goberno de España e non van chegar a cumprir os prazos
Refire que desde o primeiro momento a Xunta mantivo discrepancias cos criterios de reparto e as condicións impostas de forma unilateral polo Ministerio de Transportes para a execución dos fondos, que exclúen ao rural e impoñen prazos moi estritos
Madrid, 18 de abril de 2023
A Xunta tense dirixido ao Goberno de España para solicitarlle unha achega adicional de 28 M€ de fondos Next Generation para acometer 24 novas actuacións de mobilidade sostible que se atopan avanzadas e preparadas para a súa execución.
Así o trasladou esta mañá en Madrid a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nun encontro de traballo convocado pola Asociación Española de Construtoras Independentes, ANCI, para coñecer o modelo da Xunta para a xestión das obras públicas autonómicas.
Ethel Vázquez referiuse ao deber de aproveitar ao máximo a inxección extraordinaria que supoñen os fondos europeos de reconstrución que se puxeron á disposición das distintas administracións para fomentar a recuperación económica.
Neste sentido, lembrou que a 31 de marzo a Xunta tiña licitado o 100% dos fondos Next Generation que Galicia tiña asignados para proxectos de mobilidade sostible, polo que considera que está preparada para facer máis e contribuír a un maior aproveitamento dos fondos europeos de reconstrución con novas actuacións que, ademais, contribúan á descarbonización da mobilidade.
Sinalou que moitas autonomías, a maioría delas, non foron capaces de cumprir os fitos impostos polo Goberno de España e non van a chegar a cumprir os prazos establecidos para os fondos Next Generation de Mobilidade.
Para non desaproveitar eses recursos, avogou por que o Goberno de España atenda a solicitude de Galicia, que está preparada e en condicións de cumprir prazos, e achegue á comunidade eses 28 M€ de fondos adicionais Next Generation que demanda.
Ethel Vázquez incidiu en que, desde primeiro momento a Xunta mantivo unha posición de discrepancia cos criterios de reparto e condicións impostas de forma unilateral polo Ministerio de Transportes para a execución dos Next Generation de Mobilidade, pola discriminación que facían do rural, excluído deses fondos, e tamén polos estritos prazos que o Ministerio marcaba para que as comunidades autónomas acometesen as obras, como se ten confirmado ao non poder cumprir, a maioría delas, os fitos fixados.
Afrontar os problemas do sector da construción
Na reunión de traballo á que foi convidada pola Asociación Española de Construtores Independentes, a conselleira lembrou que actualmente se está a vivir un momento de expansión dos investimentos públicos e de inxección de fondos europeos extraordinarios para incentivar a recuperación económica tras a pandemia.
Con todo, referiuse aos distintos problemas que afrontou o sector da construción nos últimos anos, coas convulsións producidas, fundamentalmente, pola pandemia da covid e pola crise de prezos e o abastecemento de materiais.
Indicou que, grazas a un diálogo permanente co sector, en Galicia se conseguiu atopar un camiño eficaz para responder a esta situación, garantindo a viabilidade das obras en execución e dos proxectos planificados nos que, en moitos casos, foi preciso aplicar unha actualización de prezos. O esforzo realizado, exercido coa máxima responsabilidade sobre os recursos públicos, permite que a día de hoxe a licitación e a adxudicación das obras autonómicas se estea realizando nun marco estable e de confianza, a pesar de todas as vicisitudes, afastando o risco de concursos desertos e as obras paradas.