A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas de Respiro Familiar que permiten estancias en residencias, centros de dia e o pago dunha persoa coidadora no fogar
Esta nova orde, cuxo prazo de solicitude comezará mañá e rematará o vindeiro 30 de outubro, inclúe como novidade axudas para centro de día
O Goberno galego destina este ano 880.000 euros a estas axudas que favorecen o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes ou con discapacidade
As contías poderán acadar o 100% da estadía en calquera centro residencial da Comunidade ata un máximo de 1500 euros e no caso dos centro de día ou da contratación dunha persoa coidador no fogar a axuda poderá ascender ata os 1000 euros
Será posible xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Respiro familiar que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias, centros de día ou se contrate unha persoa coidador para o fogar, que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais.
A través deste programa, a Xunta de Galicia financiará o 100 % da estadía en calquera centro residencial da Comunidade sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar ou dunha estadía nun centro de día.
O Goberno galego investirá 880.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso. Mediante estas axudas, o Executivo autonómico favorece o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes e con discapacidade.