Lorenzana avoga na Coruña por reforzar as políticas de igualdade laboral para avanzar na incorporación, permanencia e progreso das mulleres ao emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, impartiu hoxe unha clase maxistral sobre políticas sociolaborais na Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais - Erlac

A Coruña, 17 de abril de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe na Coruña -nunha clase maxistral que impartiu sobre políticas sociolaborais na Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais – Erlac- pola importancia de seguir reforzando os programas de axudas e recursos no eido da igualdade laboral para continuar avanzando na incorporación, permanencia e progreso das mulleres no ámbito do emprego.

Lorenzana defendeu un emprego de calidade que avogue pola participación igualitaria traballadoras e traballadores e a plena autonomía das mulleres, coas mesmas condicións laborais e coa mesma repartición de roles no fogar. Deste xeito, a conselleira sinalou que, por iso, a Xunta conta cun departamento específico, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, encargado de impulsar políticas de emprego e de igualdade, dúas materias relacionadas entre si para consolidar, segundo sinalou, un mercado de traballo máis cohesionado, enriquecedor e competitivo. Ao respecto, engadiu que o Goberno galego traballa para poñer en marcha medidas encamiñadas á consecución da igualdade real e efectiva de mulleres e homes.

A conselleira centrou a súa intervención neste acto, ao que asistiu, entre outros, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, en explicar aos estudantes a estrutura do departamento autonómico que dirixe, así como as políticas sociolaborais que se están a levar a cabo na Xunta.

O Goberno galego traballa pola igualdade real e efectiva de forma integral, desde o emprego, o emprendemento, a formación, a prevención de riscos laborais, as relacións laborais e a conciliación e corresponsabilidade,  indicou, ao tempo que subliñou que tamén se aposta por esa igualdade de xeito máis específico, poñendo en marcha políticas para a promoción da igualdade e para a loita contra a violencia de xénero e o tratamento integral das súas vítimas.

Así mesmo, expuxo os compromisos do seu departamento para consolidar unha Galicia máis competitiva, que asegure un traballo digno e acolledor para todas e todos. Nesta liña lembrou que a Xunta de Galicia seguirá a traballar para contar con servizos de emprego que busquen a mellor cualificación do capital humano para dar resposta ás necesidades de cobertura de vacantes das empresas galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023