O presidente da Xunta mantén un almorzo con representantes do tecido industrial en México

Rueda anima aos empresarios mexicanos a reforzar as alianzas económicas con Galicia e destaca a estabilidade e a posición xeoestratéxica que ofrece a comunidade

Asegura que Galicia é a ponte natural entre Europa e América e que está nunha excelente posición para afrontar os restos económicos dos vindeiros anos


Subliña que a Xunta apoia o investimento industrial na comunidade ao dar seguridade xurídica as empresas, reducir os prazos dos trámites e apostar pola colaboración público-privada para impulsar proxectos estratéxicos


Mantivo un encontro con inversores mexicanos para reforzar as relacións comerciais e económicas coa comunidade
 

Cidade de México (México), 17 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a estabilidade política, a solvencia financeira e a situación xeográfica estratéxica de Galicia como as mellores credenciais para que empresarios doutros países aposten por desenvolver os seus negocios na comunidade galega. Rueda mantivo un encontro con empresarios mexicanos, galegos e españois, aos que animou a reforzar as alianzas económicas e comerciais con Galicia.

 

Durante a súa intervención, Rueda lembrou a gran contribución dos galegos que emigraron a México para enriquecer e fortalecer o tecido empresarial mexicano e destacou as excelentes relacións comerciais que Galicia mantén desde hai anos con este país de América Central. Nesta liña, o presidente autonómico resaltou que México é “un socio preferente” da comunidade galega a nivel de comercio internacional xa que encabeza o ránking de importacións e exportacións fóra da Unión Europea.

 

O titular do Goberno galego cree que afianzar estas relacións económicas e comerciais servirá para impulsar o crecemento tanto de Galicia coma de México. Por iso, trasladou aos empresarios a gran oportunidade que supón investir na comunidade galega xa que Galicia está nunha excelente posición para afrontar os retos económicos dos vindeiros anos e ofrece grandes posibilidades ás empresas que apostan por esta terra.

 

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta asegurou que son varios os factores que fan de Galicia unha terra de oportunidades para os empresarios de fóra do país. En primeiro lugar, Rueda resaltou o feito de contar cunhas institucións estables que ofrecen plena seguridade xurídica e garantías aos posibles inversores. Ademais, fixo fincapé nos bos datos económicos que acreditan a recuperación de Galicia tras a pandemia e que amosan que se trata dunha comunidade que crece e xera emprego. E en terceiro lugar, Rueda puxo en valor a situación xeográfica estratéxica de Galicia que a sitúa coma a rexión que actúa de ponte natural entre Europa e América, pero tamén no punto central do Arco Atlántico, que comunica o continente europeo e o africano.

 

Ademais, Rueda resaltou que Galicia está a consolidarse como referente en sectores que van ser estratéxicos nos vindeiros anos como o das enerxías renovables. Segundo explicou “a día de hoxe a electricidade, case o 80% da electricidade que se consume en Galicia provén de renovables, tanto hidráulica como eólica”. Especialmente esta última, sinalou, “é o noso petróleo, e non vamos a renunciar a el”. Nesta liña, trasladou aos empresarios que xa hai varias iniciativas para “aproveitar as oportunidades” e producir hidróxeno verde ou metanol verde na comunidade e se está levando a cabo un desenvolvemento “racional e sostible” do sector eólico tanto na terra como no mar.

 

A importancia da colaboración público-privada

O titular do Goberno galego subliñou o importante papel dos empresarios á hora de xerar riqueza e que a Xunta traballa desde hai anos para facilitar o desenvolvemento de proxectos industriais na comunidade. Nesta liña, lembrou as medidas para reducir os prazos dos trámites necesarios para a posta en marcha dun proxecto ao abeiro da Lei de simplificación administrativa ou a creación de oficinas específicas para asesorar e acompañar aos empresarios no proceso.

 

Ademais, Rueda resaltou a importancia da colaboración público-privada e puxo como exemplo a sociedade Impulsa que está a ser a panca para desenvolver proxectos estratéxicos para a economía galega como será unha planta de fibras téxtiles de orixe vexetal, unha factoría de hidróxeno verde ou a instalación dun centro de datos con capacidade para xestionar os datos de case o 100% do ecosistema empresarial galego.

 

Durante a súa intervención, destacou o mundo económico que se desenvolve da man das enerxías renovables e puxo en valor o peso da tecnoloxía galega no desenvolvemento da eólica mariña xa que “diante das costas de Galicia concéntrase case a metade de eólica mariña que se vai instalar en toda España” e lembrou que é un ben “ao que non van renunciar”. Ao mesmo tempo, animou aos galegos, a través da Estratexia Retorna, a voltar a Galicia e participar no desenvolvemento das enerxías renovables.

 

O presidente lembrou a gran oportunidade que supoñen os fondos europeos para o desenvolvemento de novos proxectos en Galicia e lamentou a demora e falta de axilidade na xestión dos mesmos por parte do Goberno central.

 

Tras este primeiro almorzo con diferentes empresarios, Rueda mantivo tamén un encontro con inversores mexicanos. Durante esta reunión, o presidente trasladou o interese de Galicia en reforzar as alianzas económicas e comerciais con México.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023