Lete reivindica o peso do automobilismo galego no calendario nacional cun total de 10 probas como o Rali do Cocido que comeza este venres

O secretario xeral para o Deporte destaca que 3 das 7 probas da Copa de España de Rallyes de Asfalto son galegas: o Rali do Cocido, o Rally Rías Baixas e o Cidade de Narón

Lalín (Pontevedra), 17 de abril de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da vixésimo sétima edición do Rali do Cocido que terá lugar esta fin de semana na comarca do Deza e que tamén pasará polos concellos de Silleda e Vila de Cruces.

O mandatario galego reivindicou ante os representantes da Real Federación Española de Automovilismo o peso do motor galego no calendario nacional cun total de 10 probas galegas entre as que destaca este Rali do Cocido. O rally de Lalín é a primeira proba da Copa de España de Rallys de Asfalto, patrocinada por Recalvi, e que conta con outras dúas probas galegas: o Rally Rías Baixas e o Rally Cidade de Narón, polo que o 43% das sete probas da Copa, son galegas. Neste sentido, Lete Lasa reclamou maior peso para o automobilismo galego no gran campionato de rallyes da federación nacional: o Supercampionato de España de Rallyes que na actualidade só conta cunha proba galega: o Rally de Ourense.

O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia tanto de eventos culturais como a Feira do Cocido, recoñecida Festa de Interese Turístico Internacional en 2020, así como das probas deportivas de primeiro nivel que se celebran en Galicia polo seu evidente beneficio para a economía galega enchendo os establecementos hoteleiros e hostaleiros. Neste sentido, lembrou que o vindeiro fin de semana do 5, 6 e 7 de maio terá lugar en Lalin unha proba do mundial de Enduro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023