A Xunta recibe 13 ofertas de empresas para executar o aparcadoiro disuasorio na estrada PO-551 en Domaio, no concello de Moaña, cun investimento de máis de 877.000 €

Executarase un aparcadoiro de 75 prazas nas proximidades do enlace de Rande, como prolongación do existente na marxe dereita desta vía, no punto quilométrico 33+250

A previsión é comezar no verán as obras deste aparcadoiro, que disporá de carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023 A Xunta recibiu 13 ofertas de empresas para executar o aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións na estrada PO-551, en Domaio, no concello de Moaña, que suporá un investimento de 877.627 euros. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar en verán as obras deste aparcadoiro nas proximidades do enlace de Rande, como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada autonómica, no punto quilométrico 33+250.  

O aparcadoiro contará cun total de 75 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, e preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.  

Disporá, ademais, de carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil.

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023