A Xunta e a FEGAMP constitúen a comisión técnica para avaliar os estudos de ambas administracións sobre a delimitación das competencias autonómicas e locais

Representantes do Goberno galego e da FEGAMP participaron no primeiro dos encontros para poñer en común as conclusións das dúas propostas co obxectivo de chegar a acordos sobre a prestación de servizos no eido local

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Representantes da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) constituíron hoxe a comisión técnica que avaliará os estudos de ambas entidades co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local. Na xornada de hoxe celebrouse a primeira das reunións deste grupo de traballo para establecer as actuacións a seguir.

A comisión técnica contrastará as conclusións de ambas propostas e así chegar a acordos, sobre todo nos ámbitos onde se detecta maior dificultade para clarificar as competencias como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde ou a atención ás emerxencias. Por parte da Xunta, presentouse o pasado decembro o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia, elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
 
A Xunta avoga pola importancia de avanzar e dar pasos para chegar ao máximo acordo posible na maioría dos ámbitos. Trátase de, primeiro, valorar que competencias debe asumir cada administración e en que parte -Xunta, Goberno central, deputacións provinciais e entidades locais- e de forma rigorosa avaliar se cada unha está a asumir os seus compromisos, así como cuantificar canto custa a prestación de cada servizo e os recursos dispoñibles -en Galicia de media as contías son máis elevadas pola dispersión e o envellecemento da poboación-. En definitiva, a través desta comisión búscase evitar duplicidades coa finalidade última de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023