A Xunta comeza as obras da nova senda na estrada autonómica AC-524 en Frades cun investimento de 225.000 €

Constrúese un itinerario peonil de 770 metros na marxe esquerda da vía que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros entre os núcleos de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, ademais de continuar pola senda da travesía da Abellá

A intervención conta cun prazo de execución de 4 meses e o obxectivo é tela rematada no verán

Empregarase no treito da actuación pavimento podotáctil nos cruzamentos de vías que advertirá da súa proximidade, e tamén nos pasos de peóns para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras da nova senda na estrada autonómica AC-524, no concello de Frades, que suporán un investimento de algo máis de 225.000 euros.

A intervención consiste na execución dun itinerario que ten como obxectivo favorecer os desprazamentos cotiás dos veciños entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, e continuar logo pola senda actual da travesía da Abellá, de forma cómoda, segura e saudable.

Os traballos que acaban de iniciarse terán un prazo de execución de 4 meses, polo que o obxectivo é poder ter rematada a nova senda peonil no verán.

En concreto, constrúese un novo itinerario de 770 metros de lonxitude para permitir a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvólvese pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á xa existente na travesía de Abellá.

Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías. Nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.

Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais; a preinstalación para o alumeado público; e a reposición dos servizos e sinais que se vexan afectados na intervención.  

A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta conta con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023