O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración deste certame, un dos máis destacados do calendario gastronómico

A Xunta participa na 36ª edición da feira Gourmets de Madrid promocionando os produtos agroalimentarios de calidade

O evento prolongarase ata o próximo xoves 20 e nel participan 29 empresas do agro que comparten espazo de exposición co Goberno galego

Entre as actividades destaca unha aula de experiencias de calidade, onde se realizan diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos galegos

Madrid, 17 de abril de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu esta mañá á inauguración da 36ª edición da feira Gourmets de Madrid co fin de apoiar coa súa presenza as empresas agroalimentarias galegas participantes. Así, non só visitou os distintos postos senón tamén participou nas degustacións acompañado da conselleira do Mar, Rosa Quintana, con quen recibiu ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas 

En concreto, o posto da Consellería do Medio Rural está formado por dúas illas que albergan un total de 29 empresas agroalimentarias. Nunha desas illas hai 20 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, nove adegas e coexpositores doutras bebidas espirituosas. Ademais, neste posto tamén hai espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se realizan diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira.

Deica o mércores desenvolveranse numerosas actividades baixo a organización da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Así, as indicacións xeográficas protexidas de vacún de Galicia son as protagonistas das clases maxistrais, nas que participan diversos chefs galegos. Tamén haberá catas tanto de viños galegos premiados nas últimas Catas de Galicia como doutros indicativos de calidade como os licores e augardentes tradicionais da nosa comunidade, ademais doutros produtos como queixos das diferentes denominacións de orixe protexidas ou propostas coas indicacións xeográficas protexidas de Mel, Castaña ou Pataca de Galicia, entre outras.

Gourmets 2023

O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición conta con máis de 2.000 empresas expositoras que promocionan máis de 55.000 produtos e máis de 12.000 compradores estranxeiros de 70 países. Deste xeito, prevense máis de 100.000 visitantes a este espazo de 65.000 m².

Data de actualización: 17/04/2023