A Xunta abre mañá o período de solicitude de praza nos campamentos e nos campos de voluntariado da Campaña de Verán 2023

Tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, as familias, as mozas e os mozos interesados en participar nun campamento teñen dez días hábiles, a partir de mañá martes, para presentar a solicitude de praza

Pola súa banda, os que opten a un campo de voluntariado poden consultar as bases na páxina web de Xuventude

A programación estival deste ano, que leva por título ‘O verán que sempre vas lembrar’ ofrece 11.200 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023 A Xunta de Galicia abrirá mañá martes o prazo de solicitude de praza tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado en Galicia da Campaña de Verán de 2023. No caso do programa de campamentos, o prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, logo de que hoxe se publicara no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa convocatoria. Pola súa banda, as bases que regulan a oferta de prazas nos campos de voluntariado poden consultarse na páxina web de Xuventude.

A campaña de verán deste ano ten como lema ‘O verán que sempre vas lembrar’ e contará cun total de 11.200 prazas para mozas e mozos entre os 9 e os 30 anos de idade en campamentos, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas. En total, a Xunta pon a disposición da xente nova 36 instalacións para o desenvolvemento dos campamentos e 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas das Cíes.

Entre as novidades do programa destaca un novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela e o desenvolvemento de novos campos de voluntariado en en Santa Comba, Viana do Bolo e Pantón. Así mesmo, os concellos de Vilar de Santos e Allariz compartirán un campo de voluntariado; e en Castro de Rei terá lugar outro específico para mozos galegos no exterior. Ademais, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria e se pon en marcha un novo en Castela-A Mancha.

As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso.

A programación estival complétase coa proposta ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos da Comunidade Autónoma, que se dará a coñecer en vindeiras datas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023