A Xunta abre o prazo das axudas para familias galegas do exterior en situación de emerxencia social urxente

O Goberno galego destina 50.000 euros a atender aos residentes do exterior que padezan un deterioro grave da súa situación social e económica

O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ao longo deste ano, ata o próximo 15 de novembro

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023 A  Secretaría Xeral da Emigración publicou hoxe, no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230417/AnuncioC3B0-270323-0001_es.html), as axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente.

Deste xeito, o Goberno galego destina 50.000 euros ás e aos residentes do exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarios ou asistenciais. 

Estes apoios económicos consisten en axudas de ata 3.000€ por persoa beneficiaria, para determinados casos, e destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón. 

Contémplanse as seguintes situacións para poder solicitar esta axuda: marxinación social, perda da vivenda habitual, problemas perentorios referidos á alimentación, educación outro outros similares e problemas sanitarios graves.

O prazo destas axudas estará aberto ata o 15 de novembro e para máis información, os interesados poden coñecer a nova liña a través do seguinte enlace:  https://emigracion.xunta.gal/actividade/lina-de-axuda/axudas-emerxencia-social-ano-2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023