A Xunta presenta as axudas de mellora da eficiencia enerxética para establecementos turísticos, dotadas con 7,8 M€, ao sector do Salnés

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, acompañado por representantes do Clúster da Eficiencia Enerxética, mantivo esta mañá un encontro informativo con empresarios de hostalería e turismo da bisbarra no Hotel Norat do Grove

A Axencia Turismo de Galicia convoca estas subvencións, cuxo prazo de solicitude prorrogouse ata o 2 de maio, para reducir o consumo enerxético, as emisións de dióxido de carbono e o custo eléctrico no marco dos obxectivos ambientais da UE

Estas axudas, que oscilarán entre o 33 % e o 90 % dun investimento mínimo de 5.000 €, están orientadas a hoteis, pensións, albergues, establecementos de turismo rural e apartamentos turísticos construídos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007

O Grove (Pontevedra), 17 de abril de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, presentou esta mañá a orde de axudas de mellora da eficiencia enerxética para establecementos turísticos, dotada cun orzamento global de 7,8 millóns de euros, a decenas de representantes do sector da bisbarra do Salnés nun encontro mantido no Grove.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, foi o encargado de explicar esta nova liña de subvencións nunha reunión informativa celebrada no hotel Norat da vila meca que contou co apoio técnico de membros do Clúster da Eficiencia Enerxética.

Estas axudas, que saen en concorrencia non competitiva e cuxo prazo de solicitude vén de prorrogarse ata o próximo 2 de maio, están orientadas a reducir o consumo enerxético, as emisións de dióxido de carbono e o custo da factura eléctrica destes establecementos no marco da política de consecución dos obxectivos ambientais e enerxéticos da Unión Europea (UE), posto que están financiadas cos Fondos NextGeneration EU.

Estas achegas van destinadas a hoteis, pensións, albergues, establecementos de turismo rural e apartamentos turísticos que foran construídos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007 e que acometan un investimento nesta materia cun importe mínimo de 5.000 euros iniciado con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021. Os beneficiarios disporán, ademais, dun prazo máximo de doce meses para a súa execución dende a recepción da notificación da concesión de axuda por parte da Xunta.

As actuacións subvencionables deberán cumprir con dous requisitos indispensables: a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de alomenos o 30 % con respecto á situación de partida e a mellora da cualificación enerxética do edificio en alomenos unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono, aínda que este requisito non será necesario cando o inmoble xa teña cualificación A.

Ao abeiro desta orde, haberá tres tipoloxías de obras susceptibles de financiamento e que consisten na mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, cunha axuda base do 50 % do investimento e que pode alcanzar ata o 90%; o emprego de enerxías renovables, cunhas achegas que oscilarán entre o 40 % de partida e o 65 % en caso de cumprir os requisitos adicionais; e a mellora da eficiencia das instalacións de iluminación, cunha subvención de entre o 20 % e o 33 %.

Finalmente, no encontro explicouse que, dada a complexidade técnica destas actuacións e do contido da orde, é recomendable que os interesados se poñan en contacto con empresas especializadas –cuxa relación facilitouse aos asistentes en base ás que están incluídas oficialmente no rexistro do Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE)– para a redacción dos respectivos proxectos, nos que se recomenda ademais a incorporación das novas tecnoloxías para permitir a sustentabilidade e aforro no consumo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2023